O BNG exixe investigar "todos" os contratos de compra de máscaras na pandemia e afea ao PP que poña o foco "só no caso Koldo"

"O Partido Popular mantén unha actitude absolutamente demagóxica poñendo o foco no caso Koldo", lamenta Néstor Rego.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, en rolda de prensa. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avogou esta terza feira por investigar "todos os contratos" relativos á compra de máscaras durante a pandemia, incluíndo os que efectuou a Xunta da Galiza que presidía daquela Alberto Núñez Feixoo, e quere este tema sexa abordado tamén na comisión de investigación que o PSOE propuxo no Congreso por mor do 'caso Koldo'.

En rolda de prensa desde a Cámara baixa, Rego fixo referencia á información difundida en medios de comunicación sobre a denuncia presentada pola Plataforma en Defensa do Sector Marítimo Pesqueiro Galego na oficina Europea Antifraude pola compra de máscaras falsificadas e que non cumprían os requisitos da Unión Europea na etapa do actual líder do PP.

"O Partido Popular mantén unha actitude absolutamente demagóxica poñendo o foco no caso Koldo", afeou Rego, subliñando que hai "máis casos". Lembrou por exemplo, o caso do irmán da presidenta da Comunidade de Madrid, a popular Isabel Díaz Ayuso, aínda que tamén apuntou ao antigo Goberno de Feixoo na Galiza.

Rego pediu que o líder do PP dea "conta" dun asunto que lle afecta directamente, ante a denuncia anunciada pola plataforma galega pola suposta compra de máscaras falsificadas durante a súa época como presidente da Xunta.

Ante isto, o deputado do BNG reclamou que sexan investigados "todos" os contratos para a compra de máscaras que tiveron lugar durante a pandemia, incluídos os dos gobernos do PP naquel momento, co obxectivo de que "quen estea implicado asuma responsabilidades políticas".

Ademais, advertiu ao PP, en referencia ao caso do irmán de Díaz Ayuso e mais ao suposto caso de Feixoo, que "quen oculta actuacións que poden derivar de casos de corrupción, non ten en absoluto lexitimidade para culpar a outros como o está facendo". Rego tamén lles afeou a súa "demagoxia".

Comentarios