O BNG denuncia unha "dobre vara de medir" do PP na Xunta de Galiza para beneficiar proxectos empresariais como o de Altri

"No ano 2021 o actual presidente da Xunta da Galiza, daquela vicepresidente e conselleiro de Economía, defendía que non había alternativa para Ence. Como é posíbel que non haxa alternativa para trasladar esa celulosa no 2021 e agora, en 2024, defendan que a localización idónea para esta macrocelulosa sexa o Ulla?", cuestionou Iria Carreira.
Reunión de cargos institucionais do BNG (Foto: Nós Diario).
photo_camera Reunión de cargos institucionais do BNG (Foto: Nós Diario).

O BNG das comarcas da Terra de Melide e Arzúa reuniuse en Santiso (Terra de Melide) para avaliar o impacto que terá o proxecto de Altri nestas localidades, nunhas comarcas cun importante peso do sector primario e que se verían "afectadas no caso de prosperar a implantación da factoría en Palas de Rei (A Ulloa)".

Ademais, denunciaron unha "dobre vara de medir" por parte da Xunta da Galiza para beneficiar proxectos empresariais en relación ao informe da consultora que avala a construción dunha celulosa en Palas de Rei, a mesma consultora que rexeitou o traslado de Ence de Lourizán.

"Resulta curioso como o Goberno do Partido Popular defende ao mesmo tempo que a celulosa de Ence só pode existir na ría de Pontevedra e promove outra celulosa no Ulla", denunciou Iria Carreira, deputada no Parlamento Galego.

"No ano 2021 o actual presidente da Xunta da Galiza, daquela vicepresidente e conselleiro de Economía, defendía que non había alternativa para Ence. Como é posíbel que non haxa alternativa para trasladar esa celulosa no 2021 e agora, en 2024, defendan que a localización idónea para esta macrocelulosa sexa o Ulla?", cuestionou Carreira.

"Isto só é unha mostra máis da manipulación que está a facer Alfonso Rueda desde a Xunta da Galiza para favorecer os intereses de grandes empresas por riba do futuro do país", sinalou a deputada nacionalista.

Desde o BNG comarcal denunciaron este "trato de favor" para un proxecto que suporía unha "catástrofe ambiental xa non só para as comarcas máis próximas, senón para todo o país".

Apuntaron neste senso á contaminación que iría parar á bacía do Ulla, xa danada actualmente e con problemas graves de polución, que empeoraría a súa situación "desde Santiso até a ría de Arousa", o que se sumaría aos danos nos ecosistemas ao potenciar o monocultivo de eucalipto.

"Desenvolveremos iniciativas nas institucións, mais tamén traballo nas rúas, para denunciar a bomba que suporía Altri para o noso país, mais sobre todo, para denunciar a conivencia do Partido Popular que antepón, unha vez máis, o lucro empresarial ao benestar das galegas e os galegos", concluíu Iria Carreira.

Comentarios