O BNG advirte que a Galiza pagará pola débeda 120 millóns de euros máis do previsto nos orzamentos de 2024

É a estimación de Fedea, fundación vinculada ao Banco de España. O custo total da débeda suporía 1.631 millóns de euros, a terceira partida de gasto máis alta.
A deputada do BNG Olalla Rodil. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada do BNG Olalla Rodil. (Foto: Nós Diario)

A viceportavoz primeira no Parlamento, Olalla Rodil, anunciou que o BNG vén de reclamar formalmente a comparecencia do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, para que explique aos galegos e as galegas por que "prefire pagarlles aos bancos que investir en sanidade", renunciando á defensa dos intereses do da Galiza polo seu "servilismo" á estratexia que lle marcan Feixoo e Ayuso desde Madrid.

"É escandaloso que Rueda poña por diante a estratexia partidista e electoralista do PP, antes que os intereses das galegas e os galegos", asegurou Rodil en alusión á renuncia de Rueda á quita da débeda que o BNG acordou no pacto de investidura. Unha débeda, subliñou, que malia os recortes en sanidade o PP triplicou até acadar os 14.297 millóns de euros, o terceiro maior gasto de todo o orzamento.

Ademais, o gasto vai ser aínda maior do previsto, advertiu a deputada nacionalista, aludindo ao informe publicado por Fedea, fundación vinculada ao Banco de España, que "bota por terra" as proxeccións feitas polo PP nos orzamentos deste ano.

Segundo dito informe, Galiza vai pagar só en xuros 120 millóns de euros máis do que previu a Xunta, un 64% máis, até os 308 millóns de euros. Así, en total, o gasto da débeda será neste 2024 de 1.631 millóns de euros.

Un dispendio

Segundo lembrou Rodil, o BNG conseguiu negociar unha quita desa débeda que agora o PP "di que non quere". "Como se a pagase do seu peto!", proclamou, lembrando que é precisamente do peto dos galegos e das galegas de onde saen os cartos para pagarlles aos bancos.

O resultado de tratar a Galiza coma se fose igual que Madrid, que Catalunya ou que Andalucía, como defende o PP, está asfixiando os servizos públicos

"O servilismo do PP sáelles carísimo as galegas e os galegos", sinalou Olalla Rodil, acusando Rueda de actuar en contra dos intereses da Galiza e "negándose a exercer de presidente da Xunta" coa súa renuncia a negociar un sistema de financiamento xusto que permita ter a chave dos propios cartos.

De acordo cos datos do Consello de Contas, apuntou Olalla Rodil, Galiza perde cada ano mil millóns de euros polo sistema de financiamento que asinou o PP en 2009. "O resultado de tratar a Galiza coma se fose igual que Madrid, que Catalunya ou que Andalucía, como defende o PP, está asfixiando os servizos públicos" do país, dixo, para destacar que a cifra total do que perdeu Galiza abeira os 14.000 millóns de euros.

Rodil emprazou Rueda a explicarlles as galegas e os galegos "como pode un presidente da Xunta negarse a falar co Estado sobre unha cuestión [o sistema de financiamento] que é central para o presente e para o futuro da Galiza e dos seus servizos públicos".

Así afeoulle ao presidente da Xunta que acudise á Moncloa "cun papel asinado por sete comunidades autónomas, como se a realidade galega tivese algo que ver coa de Murcia". "Tratar igual o que é diferente só xera desigualdade e inxustiza", concluíu a deputada nacionalista.

Comentarios