O BNG pide a "solidariedade" do Senado co persoal da CRTVG

Carme da Silva sacou a colación no pleno a situación dos medios públicos galegos na moción en defensa sobre a liberdade de prensa.
A senadora do BNG, Carme da Silva (Foto: Nós Diario).
photo_camera A senadora do BNG, Carme da Silva. (Foto: Nós Diario).

A senadora do BNG, Carme da Silva, solicitou esta cuarta feira no pleno que o Senado "se solidarice" cos traballadores e traballadoras da CRTVG por "levar case seis anos sufrindo ameazas, presións, censura, control, acoso laboral e persecución" polo "único feito de querer facer ben o seu traballo".

Nun comunicado, a formación nacionalista lamentou que o PSOE rexeitase a proposta do BNG, mentres a senadora da Silva condenou as "ameazas" de Miguel Ángel Rodríguez, xefe de gabinete da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, a varios xornalistas. Para o BNG, continuou a senadora, falar de liberdade de prensa e o dereito ao libre exercicio xornalístico "transciende o que sucede na Comunidade de Madrid".

"Supón falar de censura e da manipulación, por exemplo, que sofren desde hai anos os centos de traballadores da CRTVG, os medios públicos galegos", sinalou a senadora do BNG durante o debate da moción en defensa da liberdade de prensa.

Carme da Silva, co obxectivo de "romper o círculo madrileño" e visualizar e denunciar outras realidades "igual de lamentábeis" e "mesmo máis asfixiantes e graves", porque afectan "centos de xornalistas da CRTVG", lamentou que o PSOE "non aceptase" a proposta de emenda do BNG.

No seu texto, propuña que o Senado mostrase "a súa solidariedade" cos traballadores da CRTVG que "levan máis de cinco anos e nove meses" mobilizándose cada sexta feira para "denunciar a manipulación, a propaganda, a censura, a falta de imparcialidade e o control que exerce a dirección ao servizo do Goberno do PP da Xunta".

As e os profesionais dos medios públicos galegos, remarcou a senadora do BNG, "unicamente queren" desenvolver a súa profesión xornalística "libremente". "Queren poder cumprir cos criterios estabelecidos na lei: informar con veracidade, con imparcialidade e neutralidade. Queren ofrecer información de calidade e ao servizo dos galegos e non ao servizo dunha organización política, o PP", subliñou.

Comentarios