18-F

Ciudadanos confirma que non se presentará ás eleccións galegas pero promete volver "nun futuro próximo"

A formación laranxa sitúa as futuras eleccións europeas e as catalás como "o inicio da recuperación" do seu espazo político.
Adrián Vázquez Lázara, secretario xeral de Ciudadanos. (Foto: CS)
photo_camera Adrián Vázquez Lázara, secretario xeral de Ciudadanos. (Foto: CS)

O Comité Nacional de Ciudadanos ratificou esta segunda feira a decisión de non concorrer ás próximas eleccións na Galiza, que terán lugar o 18 de febreiro. Nun comunicado remitido aos medios, a formación sinala que "é o momento de administrar estratexicamente os esforzos, pensando e antepondo por riba de todo o interese da Galiza, do conxunto de España e de todos os españois".

A formación laranxa explica que o Comité Nacional de Ciudadanos valorou a proposta elevada de forma conxunta polo Comité Autonómico de Ciudadanos Galicia e a Dirección nacional. Na cita, o Comité ratificou a decisión de non concorrer ás mencionadas eleccións, "tendo en conta as circunstancias nas que decorren". Ademais, asegura compartir "plenamente" esta "responsábel decisión".

Desde Ciudadanos sitúan "as futuras eleccións europeas e as que terán lugar ao Parlament de Catalunya" como "o inicio da recuperación" do seu espazo político. "Un escenario onde os liberais debemos achegar o mellor de nós para defender o Estado de dereito e as liberdades fronte á ameaza que supón a deriva do Goberno de [Pedro] Sánchez e os seus socios", sinalan.

Ciudadanos agradece aos seus militantes e simpatizantes "a súa xenerosidade, altura de miras e compromiso", así como "o traballo realizado nestes meses na Galiza e no conxunto de España" para levar a cabo unha reestruturación que "será fundamental no futuro inmediato".

"A decisión, que nos afasta momentaneamente da contenda electoral nesta comunidade, está tomada precisamente coa firme convicción de volver nun futuro próximo a estar presentes nas citas coas urnas e representar e defender os intereses de todos os liberais españois e do conxunto de compatriotas que cren na súa nación e na súa democracia", finaliza o comunicado de Ciudadanos.

Comentarios