Ciudadanos leva ao Parlamento unha "petición cidadá" para que a Galiza deixe de considerarse nacionalidade histórica

A formación que lidera a nivel estatal Inés Arrimadas emprendeu unha cruzada contra o recoñecemento das "nacionalidades históricas" que recollen a Constitución española e mais o Estatuto da Galiza.
A coordinadora de C's na Galiza, Beatriz Pino, nunha rolda de prensa. (Foto: Ciudadanos)
photo_camera A coordinadora de C's na Galiza, Beatriz Pino, nunha rolda de prensa. (Foto: Ciudadanos)

A coordinadora de Ciudadanos Galicia, Beatriz Pino, vén de rexistrar no Parlamento galego unha petición para eliminar da Constitución española de 1978 a existencia de nacionalidades históricas no Estado, tras o anuncio feito pola líder da formación laranxa a nivel estatal, Inés Arrimadas, no marco da campaña das eleccións andaluzas.

Malia que C's non ten representación na Cámara galega, aproveitou a opción de rexistrar peticións cidadás de toda índole recollida no regulamento do Parlamento para levar esta mesma petición a debate no hemiciclo.

A Galiza é unha das nacionalidades históricas do Estado español e en 1936 chegou a votar o seu primeiro Estatuto, interrompido pola sublevación militar que desembocou na Guerra Civil española.

Na súa iniciativa, C's pide que a Mesa do Parlamento se dirixa ao Goberno estatal para presentar un proxecto de reforma da Constitución —conforme aos seus artigos 166 e 87— que atenda, en particular, o principio de eliminación da distinción entre "nacionalidades e rexións" do artigo segundo da Constitución, o que, ao seu xuízo, "deu pé a considerar que hai territorios de primeira e de segunda no noso país".

Así, pide cambiar a súa redacción por unha que "blinde a igualdade entre españois" co seguinte texto: "A Constitución garante a indisolúbel unidade da Nación española, nación de cidadáns libres e iguais, patria común e indivisíbel de todos os españois integrada por 17 Comunidades Autónomas e dúas cidades autónomas, e garante, igualmente, a solidariedade entre todas elas".

Porén, na actualidade, se ben cun texto diferente, a Constitución recolle os mesmos preceptos que cuestiona a formación laranxa. Así, o artigo 2 sostén tamén que o Estado español é "indisolúbel" e que "garante a autonomía das nacionalidades e rexións que a integran e a solidariedade entre todas elas".

Aliás, o Estatuto de Autonomía da Galiza, asinado en 1981, estabelece que "Galicia, nacionalidade histórica, constitúese en Comunidade Autónoma para acceder ao seu autogoberno, de conformidade coa Constitución Española e co presente Estatuto, que é a súa norma institucional básica".

Comentarios