23-X | Gráfcos

Como vota Galiza nas eleccións estatais? Así mudou o voto en cada circunscrición desde 1977

O voto da cidadanía galega nas eleccións ao Congreso mudou de forma significativa nas últimas catro décadas, e non sempre, nin moito menos, seguiu a tendencia do resto do Estado. Desde 1977 as catro circunscricións perderon, pola caída poboacional, un escano cada unha, pois aquel ano correspondíanlle 9 á Coruña, 8 a Pontevedra, 5 a Lugo e 5 a Ourense.
Un cidadán escollendo a súa papeleta nas eleccións estatais de 2019. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Un cidadán escollendo a súa papeleta nas eleccións estatais de 2019. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

Moito mudou o taboleiro político desde que a cidadanía galega foi chamada ás urnas nunhas eleccións estatais por vez primeira -desde o golpe de Estado de 1936- na cuarta feira 15 de xuño de 1977. Naqueles comicios o claro vencedor foi Adolfo Suárez, que alcanzou a Presidencia da man da xa extinta UCD, cuxo éxito foi maior aínda nas catro circunscricións da Galiza, onde logrou máis da metade dos sufraxios, que no resto do Estado (34,4%). Conseguiu, así, 20 dos 27 escanos que entón estaban en xogo, por 4 da Alianza Popular de Manuel Fraga e 3 do PSOE de Felipe González.

E non foi a única vez que Suárez asinou bos resultados no país, pois, de feito as galegas e galegos mantiveron durante unha década o seu apoio a unha Unión de Centro Democrático que, entre tanto, esmorecía no conxunto estatal. Nas eleccións de 1982, con maioría absoluta do Partido Socialista, a UCD sumou en territorio galego case a metade -5- dos once deputados que sumou en total.

Mesmo tras a desaparición deste partido, Adolfo Suárez seguiu a colleitar unha importante cantidade de votos na Galiza, obtendo en 1986 dúas das 19 actas que conseguiu en todo o Estado español a súa CDS, sucesora da UCD -ano no que Coalición Galega gañou o seu primeiro e único representante nas Cortes españolas-. E outra máis sumou na seguinte cita electoral, a de 1989, na que logrou 14 na suma das circunscricións estatais. E, de forma paralela, medraba progresivamente o apoio primeiro a Alianza Popular, despois a Coalición Democrática e, finalmente, ao Partido Popular.

A correlación de forzas decantouse definitivamente cara á dereita do PP, que en 1993, ante un PSOE á baixa, sumou 15 escanos por volta de 11 dos socialistas. Cómpre salientar tamén neste tempo a paulatina perda de representantes da Galiza por mor do descenso poboacional, pasando dos 27 de 1977 -9 pola Coruña, 8 por Pontevedra, 5 por Lugo e 5 por Ourense- aos 23 da actualidade -8, 7, 4 e 4, respectivamente-.

O 1996 non foi só o ano de inicio do Goberno de José María Aznar en Moncloa, senón tamén o da irrupción, con moita forza, do BNG na Cámara baixa, que logrou dous escanos, un pola Coruña e outro por Pontevedra. O mellor resultado da formación nacionalista até a data, porén, chegou catro anos despois: tres actas, dúas na circunscrición coruñesa e outra na pontevedresa, roldando en ambos os casos o 20% dos votos. Ese foi tamén o mellor ano para o PP na Galiza, con 16 actas, por volta doutras 6 do PSOE.

En 2004 o PP, en paralelo á tendencia xeral nunhas eleccións decorridas poucos días despois dos atentados do 11-M e coa lembranza da guerra do Iraq aínda moi presente, caeu até os 12 escanos, fronte aos 10 que sumou o PSOE e os 2 que retivo o Bloque. E en 2008 só houbo unha mudanza, motivada pola perda do oitavo representante por Pontevedra -ficando así cos 23 actuais en toda Galiza-, en detrimento da dereita.

A maioría absoluta de Mariano Raxoi en 2011 tamén se fixo notar nas circunscricións galegas, que lle outorgaron 15 deputados, por volta doutros 2 para o BNG e 6 para o Partido Socialista. E o panorama mudou de forma radical en decembro de 2015, nuns comicios que tiveron que repetirse seis meses despois: 10 escanos para o PP, 6 para o PSOE e o resto para dúas novas formacións que irrompían tamén con forza, En Marea -Podemos, Esquerda Unida, Anova e mareas-, con 6, e Ciudadanos, con 1. A repetición electoral fixo aos de Albert Rivera perder o escano que lograran na Coruña e a En Marea, o de Ourense, ambos os dous en favor do PP.

E, chegados xa a 2019, o PSOE volveu superar a barreira dos dous díxitos en abril, con 10 representantes, sendo por vez primeira na historia recente o partido máis votado na Galiza, superando o PP, con 9. Galicia en Común -sucesora de En Marea- e Ciudadanos sumaron 2 escanos cada formación. De novo, repetición electoral e, de novo, con lixeiras mudanzas: o C's desapareceu, o PP sumou outro escano e o BNG recuperou a representación, un lustro despois, da man de Néstor Rego.

Evolución do voto por circunscricións

A Coruña

Pontevedra

Lugo

Ourense

*Alianza Popular (AP) concorreu en 1979 dentro da candidatura de Coalición Democrática (CD), en 1982 xunto ao Partido Demócrata Popular (AP-PDP) e en 1986, como Coalición Popular (CP), co PDP e o Partido Liberal.

Comentarios