Contas ve "falta de concorrencia e de publicidade" en contratos da Xunta da Galiza pola Covid-19

En 2021 concentráronse 66% en catro empresas.Así o recolle o informe de fiscalización do Consello de Contas sobre a xestión económica-financeira.

A maioría das máscaras durante a pandemia foron mercadas con contratos de emerxencia. (Foto: Europa Press)
photo_camera A maioría das máscaras durante a pandemia foron mercadas con contratos de emerxencia. (Foto: Europa Press)

O Consello de Contas da Galiza alerta de "falta de publicidade" por parte da Xunta da Galiza "nunha parte das adxudicacións dos contratos" pola crise da Covid-19, segundo recolle no seu informe de fiscalización sobre a aplicación dos ingresos do fondo extraordinario e a xestión económica-financeira Galiza correspondente a 2021. Para futuras crises, demanda unha "información máis ampla".

No que se refire aos contratos de emerxencia, abarcando o período 2020-2021, incide, rexeitando as alegacións expostas pola Xunta, en "deficiencias nalgunhas das memorias xustificadas e falta de constancia nalgúns expedientes dos antecedentes que soportan as adxudicacións", así como "falta dun mínimo de concorrencia e comprobación de capacidade do adxudicatario".

A iso, suma "falta de publicidade dunha parte das adxudicacións dos contratos no perfil do contrato" e "incumprimento, nalgúns casos, do prazo de inicio da execución das prestacións dun mes".

No seu informe, explica que a contratación de emerxencia pasou de representar en 2019 un 0,09% do volume de adxudicación anual a representar 4,43% en 2020 (80,5 millóns de euros adxudicados en 863 contratos). En 2021, segundo ano da crise sociosanitaria, diminuíu até 1,32%, "para regresar ao seu carácter residual en 2022".

Contratacións

A maior parte desta contratación realizada nos exercicios 2020-2021 correspóndenlle ao Sergas, con 669 contratos por un importe de adxudicación de 70,8 millóns de euros, e á Consellería de Sanidade, con 38 contratos por un valor de 16,2 millóns de euros.

Se en 2020 once empresas concentraron 49% do volume de adxudicación de emerxencia de todo o ano, a través da realización do 29,1% do número de contratos, en 2021, experimentou unha "significativa redución tanto en volume de adxudicación como en contratos xestionados, cunha maior concentración de adxudicatarios". "Catro empresas concentran 66,6% do volume de adxudicación a través da realización do 30,3% do número total de contratos", recolle o informe.

Nel especifícase tamén que, ao 31 de decembro de 2021, o impacto orzamentario da pandemia sobre o gasto da comunidade galega foi de 1.085,4 millóns de euros, "incluíndo, ademais dos 918,4 millóns de euros de gasto Covid-19 consolidado que se deduce da Conta Xeral, os gastos do 'Plan de Rescate IV' financiados con fondos propios".

O Consello de Contas explica tamén que a Galiza ocupou o sexto lugar nas comunidades s en relación á asignación dos fondos extraordinarios relacionados coa Covid-19 e distribuídos entre as comunidades autónomas no período 2020-2021, cun total de 1.563 millóns, un 5,3% por cento do total.

Xa en relación do impacto da pandemia sobre o volume de licitación da Administración galega, sinala que en 2020 supuxo unha minoración do 23,9%, uns 600 millóns respecto a 2019. "Aínda que no exercicio 2021, cun incremento do 30,4%, recupérase un nivel de licitación próximo ao de prepandemia, a cifra correspondente ao exercicio 2022 mantense por baixo do 2021, cunha diminución do 4,5%, polo que o volume de licitación pública deixado de xestionar pola Covid-19 non se recupera".

O informe tamén detalla o gasto orzamentario debido á crise sanitaria en 2021 por áreas: 442,9 millóns corresponden a gasto sanitario e sociosanitario, representando 48,2% do total; gastos en educación e cultura, 158,8 millóns, representando o 17,3% do total e o realizado no resto das funcións dos orzamentos, o 34,5%, un total de 316,7 millóns de euros.

No exercicio 2021, "correspondéronlle 828 millóns do fondo extraordinario, que representan o 6,1 por cento do seu importe total e sitúan á comunidade autónoma no quinto lugar do conxunto de comunidades autónomas polo seu volume de participación".

Por outra parte, conclúe que a información facilitada nas memorias das contas autonómicas rendidas correspondentes ao exercicio 2021 foi "limitada, dado que non se acompaña de información detallada nin de análise específica sobre o impacto económico-financeiro da crise sociosanitaria sobre as contas".

Comentarios