Detido o asesor Koldo García, 'man dereita' do ex ministro Ábalos, por presuntas 'mordidas' en contratos durante a pandemia

O asesor foi nomeado por Ábalos conselleiro de Renfe Mercadorías, entre outros cargos, unha das empresas que dependen do Ministerio de Transportes e cuxos contratos durante a pandemia son obxecto agora de investigación polas presuntas mordidas que cobrarían algúns intermediarios.
Koldo García e José Luis Ábalos, chegando ao Congreso en xaneiro de 2020. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Koldo García e José Luis Ábalos, chegando ao Congreso en xaneiro de 2020. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

A investigación xudicial pola que vén de ser detido Koldo García Izaguirre, antigo asesor do ex ministro socialista José Luis Ábalos, trata de determinar se se produciron mordidas en contratos durante a pandemia de Covid-19 cuxo material foi destinado aos ministerios de Transportes e Interior, así como a comunidades autónomas (CCAA) como Balears e Canarias, segundo apuntan fontes coñecedoras do caso citadas pola axencia Europa Press. Trátase dunha investigación da Fiscalía Anticorrupción que dirixe o Xulgado Central número 2 da Audiencia Nacional, que autorizou esta terza feira o arresto de 20 persoas, entre elas Koldo García, e arredor de 26 rexistros domiciliarios ou requirimentos.

Segundo informou a Fiscalía nunha nota de prensa, as dilixencias practicadas —declaradas secretas— afectan varias provincias españolas e gardan relación con presuntos feitos delituosos asociados a delitos de organización criminal, tráfico de influencias e suborno, relativos á adxudicación de diferentes contratos de varias administracións.

Fontes da investigación aseguraron a Europa Press que entre os detidos non figura ningún cargo público, xa que as dilixencias están a centrarse sobre o papel de intermediarios como Koldo García e o resto de implicados na contratación de material para facer fronte á Covid-19 por parte dos ministerios de Transportes —do que foi titular Ábalos—, e Interior, e mais as comunidades de Balears e Canarias. Estas mesmas fontes sinalan que o montante dos contratos destas administrativas públicas supera os 50 millóns de euros, segundo a estimación dos investigadores.

Asesor con perfil polémico

Koldo García Izaguirre foi asesor de José Luis Ábalos na etapa deste último como secretario de Organización do PSOE e ministro de Transportes. O seu papel como persoa próxima a Ábalos —e considerado a súa 'man dereita'— foi obxecto de diferentes cuestións que xeraron polémica na prensa estatal, entre elas a súa participación no encontro no aeroporto de Madrid-Barajas coa vicepresidenta de Venezuela, Delcy Rodríguez, motivo polo que a oposición pediu explicacións no Congreso.

Este asesor foi nomeado por Ábalos conselleiro de Renfe Mercadorías, entre outros cargos, unha das empresas que dependen do Ministerio de Transportes e cuxos contratos durante a pandemia son obxecto agora de investigación polas presuntas mordidas que cobrarían algúns intermediarios.

José Luis Ábalos foi ministro de Fomento entre 2018 e 2021, etapa na que compaxinou o cargo co de secretario de Organización do PSOE, con Pedro Sánchez como secretario xeral do partido. Actualmente é deputado e presidente da Comisión de Interior no Congreso.

Comentarios