As dúbidas sobre falta de capacidade tecnolóxica e de patentes de Altri para fabricar lyocell centran o debate na Cámara

Altri volveu na terza feira ao Parlamento da Galiza da man dunha interpelación presentada polo BNG. Os nacionalistas cuestionaron que a empresa contara coas patentes necesarias para poder producir lyocell. O debate foi seguido na Cámara por representantes da plataforma Ulloa Viva, que ao remate do mesmo mantiveron unha reunión con todos os grupos parlamentarios.

Pleno
photo_camera Sesión do pleno do Parlamento da Galiza. (Nós Diario)

O deputado do BNG Luís Bará asegurou na defensa da proposta da formación nacionalista que “Altri non conta coa tecnoloxía e coas patentes necesarias para fabricar fibras téxtiles” na factoría proxectada pola empresa lusa en Palas de Rei, na comarca da Ulloa. Neste sentido, o representante nacionalista preguntou á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, se “ten coñecemento a Xunta da Galiza da capacidade tecnolóxica de Altri-Greenfiber para producir lyocell”, unha cuestión que non foi respondida pola representante do Goberno galego durante o debate parlamentario.

A ausencia de capacidade tecnolóxica e das patentes necesarias para fabricar fibras téxtiles paira sobre o proxecto de Altri desde o momento da súa presentación no ano 2021. As patentes de lyocell son propiedade do grupo austríaco Lenzing, quen llas adquiriu ao fondo de capital risco británico CVC Partners, tras mercarllas esta á corporación holandesa Akzo Nobel. A maioría da produción de Lenzing emprázase en Asia, onde, tamén, operan no sector das fibras téxtiles outros grupo como Birla Cellulose ou Smartfiber. Altri non ten rexistrado ningún documento asinado con Lenzing para o uso da súa tecnoloxía.

Impacto negativo

Na súa intervención, Bará asegurou que o proxecto de Altri “vai ter un impacto negativo nas actividades económicas e no emprego na contorna e na actividade produtiva e, polo tanto, da economía da ría de Arousa" e denunciou que "é un proxecto que atenta contra os intereses xerais de Galiza".

Lourenzá desvinculou o Goberno galego da iniciativa e limitou a participación do Executivo a tramitar un proxecto presentado por unha empresa privada. Ademais, acusou o BNG de “situarse no negacionismo industrial e enerxético” e garantiu “a neutralidade da Administración no procedemento”. Precisamente, o movemento ecoloxista cuestiona o papel de Lourenzá pola súa proximidade persoal e política coa ex conselleira Beatriz Mato, directiva de Greenalia, un dos grupos empresariais parceiros do proxecto.

Unha delegación da plataforma Ulloa Viva seguiu o debate da interpelación desde a tribuna de convidadas da Cámara galega. Posteriormente, os membros da entidade mantiveron reunións con representantes dos catro grupos parlamentarios. O debate sobre Altri continúa na cuarta feira no Parlamento, onde o voceiro do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pregunta a Alfonso Rueda pola dispoñibilidade da Xunta da Galiza a achegar financiamento ao proxecto.

Reunión en Santiso

Tamén esta terza feira, o BNG das comarcas da Terra de Melide e Azúa reuníronse en Santiso para avaliar o impacto da celulosa na zona. Así, alertaron da "catástrofe ambiental xa non só para as comarcas máis próximas, senón para todo o país"

Comentarios