O primeiro pleno da lexislatura arrinca este martes con Altri e os contratos da covid como protagonistas

O macroproxecto de Altri na comarca da Ulloa tamén será protagonista no pleno.
O primeiro pleno da lexislatura arrinca esta terza feira na Cámara galega.
photo_camera O primeiro pleno da lexislatura arrinca esta terza feira na Cámara galega.

O primeiro pleno da lexislatura arrinca esta terza feira na Cámara galega con asuntos protagonistas como o proxecto de Altri para Palas de Rei, a petición dunha auditoría sobre os contratos da Xunta durante a pandemia da Covid-19 e a regulación que obriga a rexistrar os galiñeiros de autoconsumo.

Estes asuntos serán motivo de iniciativas de impulso por parte do hemiciclo galego, que a pasada terza celebrou a sesión solemne de apertura da XII Lexislatura, o que pecha o período aberto coa disolución da Cámara en decembro, as eleccións e xa co Goberno da Xunta nomeado.

Desta maneira, a sesión arrincará ás 10 horas coa dación de contas do período de transición que capitanea a deputación permanente -o órgano de garda entre lexislaturas- para dar paso, a continuación, ás proposicións non de lei que formularán o grupo maioritario -PPdeG, con 40 deputados- e a oposición, salvo Democracia Ourensá, cuxo deputado, Armando Oxea, non terá quenda de presentar iniciativas até o cuarto pleno.

Os populares levan unha iniciativa de impulso para que o Goberno galego siga "estendendo" a rede galega de atención temperá, xunto con outra coa que aspira a que o Goberno central modifique a regulación na que establece as normas básicas de ordenación de granxas avícolas, no que concierne ás de autoconsumo, que supuxeron "unha carga burocrática" aos galegos.

Pola súa banda, o BNG pedirá unha auditoría externa en relación coas contratacións de emerxencia do sector público autonómico derivadas da pandemia da covid-19. Os socialistas, pola súa banda, introducen a Memoria Democrática no debate para reclamar accións de impulso ao Goberno da Xunta co fin de desenvolver esta normativa.

 

Altri e a "rexeneración democrática"

O macroproxecto de Altri na comarca da Ulloa tamén será protagonista no pleno, de forma que o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, deberá responder á pregunta que lle formulará o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, na sesión de control ao Executivo que arrinca na cuarta feira.

Este asunto tamén será o argumento dunha das interpelacións do BNG, cuxa portavoz nacional, Ana Pontón, afrontará o primeiro cara a cara da lexislatura con Rueda cunha pregunta sobre "rexeneración democrática".

O PPdeG, pola súa banda, interesarase pola situación da lei do litoral galega, que está paralizada polo recurso do Goberno ante o Constitucional, o que os populares consideran "un agravio". Así, os populares preguntarán polo acordo entre o PSOE e o PNV para levar a cabo a transferencia a xestión do litoral en contraste coa situación de Galiza.

Comentarios