Feixoo alega que "non había Google" cando coñeceu a Marcial Dorado malia as múltiples noticias sobre os seus negocios

"Naquel momento non tiña ningunha acusación por iso. Agora é máis fácil saber cousas, hai internet, hai Google... Mais reitero que até que o coñecín este señor non tiña ningunha causa relacionada co narcotráfico", dixo esta cuarta feira en 'La Sexta', asegurando estar "canso" da polémica. Iso malia que no momento das icónicas fotos do iate Dorado xa copara portadas pola 'Operación Nécora'.
Alberto Núñez Feixoo e Marcial Dorado. (Foto: El País)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Marcial Dorado. (Foto: El País)

A icónica fotografía de Alberto Núñez Feixoo a bordo dun iate en compañía do narcotraficante Marcial Dorado volveu saír á palestra nos últimos días cando a campaña electoral de cara aos comicios estatais encarreira as horas máis decisivas. Por este asunto foi interpelado na mañá desta cuarta feira no programa Al rojo vivo, de La Sexta, nunha entrevista na que o xornalista Antonio García Ferreras sinalou que desde a oposición cren que o líder do PP non acudirá ao debate desta noite en RTVE por "medo" a ofrecer explicacións sobre a súa controvertida relación con Dorado.

Feixoo dixo estar "canso" dunha polémica que o acompaña, salientou, desde que iniciou a súa carreira política. "A primeira vez que o PSOE ameazou con este asunto foi na miña primeira campaña electoral galega, en 2009. Viron despois as de 2012, 2016, 2020... e agora parece ser que outra vez volve, e estamos xa en 2023", apuntou ante a audiencia. E tamén defendeu que xa deu estes anos "todas as explicacións" da súa relación con Marcial Dorado.

"Desas fotos hai xa 30 anos, xa din todas as explicacións no Parlamento galego, e comprenderá vostede que isto é moi canso. Dígollo desde a máis absoluta cordialidade, se isto é todo o que teñen...", defendeu o ex presidente da Xunta da Galiza. Esas "explicacións" na Cámara ás que alude foron consideradas insuficientes polas forzas da oposición —daquela PSOE, AGE e BNG—, que pediron en bloque a súa dimisión. Feixoo afirmara que a súa relación "limitábase a momentos de lecer; nin máis, nin menos".

Porén, esas palabras distan moito da versión defendida polo propio contrabandista en 2020, pouco antes das eleccións galegas, nunha entrevista ao programa Lo de Évole, de Jordi Évole. "Se dormes na miña casa, se a miña muller che fai o almorzo... Eu considerábame amigo", dixera entón Dorado, que negaba que a súa amizade fose secreta, e afirmaba que non fai fotos con calquera porque non lle gustan demasiado: "Sabíao todo o mundo".

Cuestionado esta cuarta feira por García Ferreras, o líder do PP asegurou novamente ter coñecemento dos negocios ilegais de Marcial Dorado cando mantivo unha estreita relación con el: "Evidentemente, non. Naquel momento non tiña ningunha acusación por iso. Agora é máis fácil saber cousas, hai internet, hai Google... Mais reitero que até que o coñecín este señor non tiña ningunha causa relacionada co narcotráfico", subliñou, ao tempo que tentou quitarlle ferro: "Levo 30 anos con isto, non me preocupan tres días de campaña. Os galegos coñecen moi ben Galiza e o que pasou e déronme en catro ocasións a súa maioritaria confianza [en alusión aos seus triunfos electorais]".

Se ben non existía aínda condena firme contra Dorado, si había naquela altura, porén, numerosas informacións publicadas na prensa que mencionaban as súas ilícitas actividades, tal e como xa lle lembrara Jordi Évole nunha entrevista en 2018: "Chámame a atención que vostede diga que non sabía quen era, porque antes de 1994, cando o coñece, Marcial Dorado xa aparecera na portada de La Voz de Galicia en 1990, vinculado á 'Operación Nécora'. E, así, poderiamos atopar até 66 mencións a Dorado. E houbo outras 18 en El País, 20 en ABC e 19 en La Vanguardia".

A resposta de Feixoo ás alusións do xornalista á hemeroteca foi breve e esquiva: "Pois xa ve, que quere que lle diga", dixo, logo de negar categoricamente que soubese dos seus negocios no contrabando: "Vostede que cre que se eu soubese do que ía ser acusado deixaríame facer fotos ou iría comer con el".

Comentarios