O Goberno compostelán marca 2024 como o ano do "impulso" para a cidade

BNG e CA presentaron ante a prensa os obxectivos para este ano.
Goberno local de Compostela
photo_camera O Goberno local momentos antes da comparecencia (Foto. Pazo de Raxoi)

O proxecto de recuperación urbana desde a Senra a San Caetano, o novo contrato do transporte urbano, unha nova política de turismo sustentábel, a ampliación do parque público da vivenda ou a licitación do servizo do SAF, entre outros. Estes son algún dos obxectivos que o Goberno local de Compostela —conformado polo BNG e Compostela Aberta- se marca para este 2024 e que esta segunda feira expuxo nun encontro cos medios.

"A mellora da calidade de vida da veciñanza e o impulso socioeconómico á cidade" van ser dúas liñas de traballo sobre as que pivotará a acción do Executivo municipal, sinalou a alcaldes da da capital galega, Goretti Sanmartín. A rexedora definiu este mandato como o do "diálogo e da participación", o que se plasmará na reactivación dos consellos de participación, e anunciou a data de celebración do Consello de Relacións Veciñais o vindeiro 25 de xaneiro.

A recuperación do espazo público e a mellora da mobilidade desde a Senra a San Caetano como "un dos plans prioritarios para a transformación urbana", así como a renovación da flota de autobuses e o incremento de liñas e de frecuencias, que "tamén será unha realidade co novo contrato de transporte".

Sanmartín salientou que tamén se realizarán obras de saneamento no rural con fondos propios e das administracións provincial e galega, priorizando o cumprimento do Pacto polo Rural.

A aposta por ampliar o parque de vivenda pública a través da compra e rehabilitación de inmóbeis para vivenda en alugueiro, a posta en marcha dunha "nova política turística consciente e sustentábel" ou, no ámbito educativo, o lanzamento dun programa anual de conciliación serán outras liñas a desenvolver este ano.

Participación

Pola súa parte, Mercedes Rozas, tenente de alcaldesa, explicou que "2024 chega cargado de retos, pero o Goberno xa estivo traballando estes seis meses para afrontalos, sentando as bases do que será este mandato, definindo as nosas liñas de actuación e cal será o noso xeito de gobernar". Nese sentido, Rozas referiuse á aposta polo diálogo e a participación, así como a actuacións a desenvolver en diferentes campos, desde o da memoria histórica até deportes .

Comentarios