Os orzamentos de Compostela ascenden a 141 millóns e terán un "marcado carácter social"

Goretti Sanmartín quere dar protagonismo aos barrios e as parroquias e avanzar nun concello "territorialmente cohesionado".
Manuel César, Goretti Sanmartín e María Rozas, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manuel César, Goretti Sanmartín e María Rozas, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)

O Goberno local de Compostela presentou esta sexta feira os orzamentos para o exercicio 2024, que superan os 141 millóns de euros. As contas da capital, segundo declarou a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, céntranse no "gasto social, a promoción do emprego, a mellora dos servizos públicos e os investimentos en barrios e parroquias", co obxectivo de "iniciar un modelo de concello transformador, acorde coas demandas da veciñanza". 

A rexedora incidiu tamén no carácter local das contas, nas que tanto o BNG como Compostela Aberta "levan tempo traballando para mellorar a vida de veciñas e veciños". A orientación fundamental destes orzamentos, detallou a rexedora, é darlle protagonismo aos barrios e ás parroquias e avanzar nun concello "territorialmente cohesionado, con novas dotacións públicas e unha mellora na calidade de vida da cidadanía".

Da mesma maneira, as principais liñas de actuación que engloban os presupostos son os servizos públicos, as políticas sociais e culturais, novos proxectos de transformación urbana e a mellora da sustentabilidade e a eficiencia.

Aumentos orzamentarios

Nesta liña, Sanmartín recalcou que os orzamentos teñen "un marcado carácter igualitario" que aumenta os recursos para ese ámbito, cunha "aposta contundente" na área social, na que investirán máis de oito millóns de euros, "un incremento de máis do 2,5% respecto ao ano anterior, máis do 46% na área de atención social". 

O Concello tamén aposta por aumentar a contía do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que presenta un incremento en comparación no último aprobado do 43% nesta anualidade. Outro incremento en materia social é a incorporación de fondos para o programa Xantar na casa, para as bolsas de comedor escolar e a área de cooperación ao desenvolvemento, que aumenta nun 149%, ademais de para obras como o Centro de persoas sen fogar, tal e como confirmou a primeira tenente de alcaldesa, María Rozas.

Aumentará tamén a inversión en Xuventude nun 92%, con 565.000 euros e os orzamentos para o emprego, que pasa de 725.000 euros a case 1,2 millóns e o comercio local, con 170.000 máis que en 2022. Na área de mobilidade e transporte supéranse os 9 millóns de euros para transporte público, fronte os 6,9 millóns do ano 2022.

Comentarios