Gonzalo Caballero: "O secretario xeral debe garantir que o aspirante á Xunta do PSdeG sairá dunhas primarias"

O deputado mantivo unha reunión en Compostela con máis dun cento de militantes

Gonzalo Caballero reunido con militantes do PSdeG, esta quinta feira 24 de agosto en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Gonzalo Caballero reunido con militantes do PSdeG, esta quinta feira 24 de agosto en Compostela. (Foto: Nós Diario)

O ex secretario xeral do PSdeG e agora deputado socialista, Gonzalo Caballero, advertiu esta quinta feira, 24 de agosto, que o actual dirixente, Valentín González Formoso, "debe garantir" que o candidato ou candidata socialista á Xunta "sairá dunhas primarias".

Segundo traslada nun comunicado, que acompaña dunha fotografía, Caballero mantivo unha reunión en Compostela con máis dun cento de militantes socialistas cos que analizou a situación política e profundou tamén no aprazamento das primarias do PSdeG decidido pola dirección federal do partido desde Ferraz.

Neste escenario, remarcou que entende que "o fundamental agora é centrarse na investidura", e mostrou o seu desexo de que Pedro Sánchez sexa reelixido presidente neste outono, de maneira que as primarias galegas poidan celebrarse a finais deste ano ou a principios do próximo.

Ao fío desta afirmación, defendeu que "convén que o secretario xeral garanta que o candidato ou candidata do PSdeG á presidencia da Xunta da Galiza sairá, en calquera caso, dunhas primarias".

Neste sentido, apuntou que respecta que Ferraz suspendera o calendario marcado pola dirección do PSdeG, pero remarcou que é preciso "asegurar os mecanismos de democracia interna do Partido dos Socialistas e non dar nin un paso atrás" nesta liña.

"A voz das bases ten que ser escoitada"

"A voz das bases ten que ser escoitada", recalcou Caballero, contrario a que o proceso de elección da persoa candidata á Presidencia da Xunta polo PSdeG se substitúa por unha designación "a dedo".

De feito, insistiu en que deben acometerse "unhas primarias frescas, participativas e non teledirixidas". "Teñen que ir moito máis alá da vontade e das instrucións marcadas polas presidencias das Deputacións da Coruña e de Lugo", apostilou.

Precisamente, despois de mostrar a súa preocupación pola evolución do partido na Galiza, reivindicou as primarias como o instrumento co que "endereitar o rumbo" e "volver crecer electoralmente", como ocorreu, dixo, "en todos os comicios" na súa etapa como secretario xeral socialista.

"Temos que remontar os trompazos das municipais e das xerais na Galiza e enfrontar as eleccións galegas con fortaleza para dar aos galegos e ás galegas unha alternativa de progreso", aseverou.

Finalmente, volveu tender a man á dirección encabezada por Formoso para "contribuír a mellorar", despois de constatar que nas eleccións locais do pasado 28 de maio o PSdeG "caeu tres veces máis que no conxunto de España" e que nas estatais do 23 de xullo "a Galiza foi a única na que o PSOE baixou en porcentaxe de votos".

Comentarios