Gonzalo Caballero carga contra a dirección do PSdeG após o aprazamento das primarias: "Precisamos un cambio de rumbo"

Unha vez suspendida a votación que se prevía celebrar o 17 de setembro, Caballero salientou que a el gústanlle as primarias e, tras a asegurar que entende que o PSOE queira pór o foco na investidura, apelou, cando se reactive o proceso, por traballar co horizonte "unhas primarias que sexan o máis abertas posíbel" e que non estean "teledirixidas polo aparello" do partido.
O deputado socialista Gonzalo Caballero. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado socialista Gonzalo Caballero. (Foto: Nós Diario)

O ex secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero remarcou esta terza feira, un día despois de transcender que o aprazamento das primarias socialistas para elixir candidato á Xunta da Galiza por orde de Ferraz, que a dirección galega impulsou "unha folla de roteiro que non era acertada" tras "os trompazos electorais das municipais e das xerais" que logo tivo "que rectificar e corrixir".

Unha vez suspendida a votación que se prevía celebrar o 17 de setembro, Caballero salientou que a el gústanlle as primarias e, tras a asegurar que entende que o PSOE queira pór o foco na investidura, apelou, cando se reactive o proceso, por traballar co horizonte "unhas primarias que sexan o máis abertas posíbel" e que non estean "teledirixidas polo aparello" do partido.

Caballero asegurou que entende que a "prioridade" da dirección estatal do seu partido sexa despexar o horizonte de gobernabilidade no Estado, e reiterou que o que queda claro coa decisión é que a folla de roteiro da actual cúpula galega, que encabeza Valentín González Formoso, "non era acertada".

Aínda que non aclarou se se presentará ás primarias para elixir aspirante á Xunta nos próximos comicios, que tocarían o ano que vén se non hai adianto, explicou que no proceso de escoita que mantivo nas últimas semanas puido constatar a "profunda preocupación " que hai en relación á situación actual do PSdeG.

"Cambio de rumbo"

Neste punto, insistiu que é necesario pasar desa "preocupación" a acometer "un cambio de rumbo" desde o punto de vista da "actuación colectiva" que permita ao PSdeG recuperar apoios da cidadanía.

Neste sentido, volveu "tender a man" á actual dirección do partido na Galiza para, sen "sectarismos nin personalismos", poder "axudar a remar e volver crecer electoralmente" como nos comicios, recalcou, nos cales el aínda dirixía o partido na Galiza.

O delegado do Goberno evita pronunciarse 

O delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, evitou pronunciarse sobre a decisión imposta pola dirección federal do PSOE para aprazar a celebración de primarias no PSdeG para a elección do candidato ou candidata á Presidencia da Xunta da Galiza nas próximas eleccións galegas.

Preguntado ao respecto esta segunda feira nunha rolda de prensa decorrida no Concello de Santiago, o representante do Executivo estatal na Galiza e integrante da dirección dos socialistas galegos non quixo comentar a suspensión do proceso interno que fora anunciado para o mes de setembro e que, por orde de Ferraz, non se producirá até que se resolva a investidura no Estado español.

"É unha decisión do partido sobre a que non me corresponde pronunciarme", limitouse a responder Branco antes de comentar que no momento no que se celebren as primarias os socialistas galegos elixirán un "candidato gañador" para afrontar a cita coas urnas que, en caso de non haber adianto, tocaría celebrar en 2024.

Comentarios