18-F

Isabel Faraldo (Podemos): “Na Galiza hai unha lei de dependencia pobre”

A formación reuniuse co Colexio Oficial de Traballadoras Sociais

David Gontán e Isabel Faraldo, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera David Gontán e Isabel Faraldo, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)

Isabel Faraldo, candidata de Podemos á Presidencia da Xunta da Galiza, mantivo esta segunda feira, 12 de febreiro, unha reunión con representantes do Colexio Oficial de Traballadores e Traballadoras Sociais, na que tamén estivo presente a ex deputada de En Marea Julia Torregrosa. Faraldo destacou que “os 64 puntos de reivindicacións” publicados polo Colexio son “asumidos totalmente” e os “moitos puntos de conexión co noso programa que é case xa voso”, en referencia a entidade.

A candidata da formación morada tamén fixo fincapé en que na Galiza hai “unha lei de dependencia pobre, con pouca amplitude, pouco traballada”. Faraldo xa reiterou durante a campaña o problema dos prazos no proceso de valoración para a concesión de axudas públicas, prazos que cualificou de “calvario, mentres as familias ven como o seu familiar se vai deteriorando”.

Asemade, a candidata reivindicou en varias ocasións os investimentos realizados neste punto polo Ministerio de Dereitos Sociais mentres Ione Belarra estivo á fronte da carteira.

Por outra banda, Faraldo afirmou que “a saúde mental está absolutamente abandonada” polo Goberno galego, “un tema de primeirísima importancia na Galiza, unha comunidade autónoma onde o índice de suicidios é tan alto, sobre todo entre a mocidade”. “Temos que botarlle todos e todas moitísimo interés a temas como o que traballa” o Colexio Oficial de Traballadoras Sociais, concluiu a candidata.

Comentarios