Lores remite unha carta aos voceiros de PP e PSOE para reiterar a súa “chamada á responsabilidade” de cara ao pleno do 8 de xaneiro

“Estamos ante unha situación excepcional” que porá “en risco o propio funcionamento do concello”

Miguel Anxo Fernández Lores, a pasada cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores, a pasada cuarta feira. (Foto: Nós Diario)

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernándes Lores, remitiu este sábado, 6 de xaneiro, unha carta aos voceiros do Partido Popular, Rafael Domímguez, e do PSOE, Iván Puentes, co obxectivo de reiterar unha vez máis, desta vez por escrito directo, “a chamada á responsabilidade para desbloquear” unha “máis que posíbel” situación de parálise no Concello e na sociedade pontevedresa como consecuencia da non aprobación dos Orzamentos 2024.

Na misiva, enviada a primeira hora do sábado, o rexedor sinala que “nunca nestes máis de 24 anos se ten utilizado esta vía da cuestión de confianza” subliñando o carácter excepcional da mesma e da situación que se pode dar no Concello.

“Na miña traxectoria demostrei que sempre que existise algunha outra posibilidade de que o Concello de Pontevedra puidese funcionar razoabelmente ben, evitei recorrer a este mecanismo excepcional da cuestión de confianza, fose chegando a acordos para a súa aprobación, algúns anos ben difíciles e tardíos, fose prorrogando os Orzamentos do exercicio anterior”.

Lores explica no documento que neste curso 2024 se dan unha serie de “circunstancias excepcionais” que obrigan a ter canto antes os Orzamentos, entre eles a prorrogación das contas “dous exercicios seguidos”, a “elevada inflación” que repercute “nas elevadas subas dos gastos correntes” e os prazos perentorios para a execución dos fontos europeos.

11 millóns de euros, bloqueados

Deste xeito, e afondando nas cifras, o rexedor explica que en comparación a outras prórrogas anteriores dos orzamentos, nas que había que reter —bloquear e declarar non dispoñíbeis— entre 1 e 2 millóns de euros de partidas de gasto corrente,”unha cantidade asumíbel”, nesta ocasión, para o exercicio de 2024, o Concello debería bloquear máis de 11 millóns de euros, “o cal é practicamente imposíbel”, quedando a Administración inutilizada para desenvolver actividades propias como dar subvencións e actividades de ámbito social, cultural, deportivo ou festivo.

“Entendín, entendo e dou por suposto que cada forza política adopta as súas decisións coa máxima responsabilidade e coherencia da que é capaz. Por esta razón, non me prodigo en chamadas á responsabilidade nin a recomendarlle a ningunha forza política o que debe facer ou non facer, e, moito menos, en mandar cartas aos demais portavoces. Pero estamos ante unha situación excepcional na que está en risco o propio funcionamento do Concello, de numerosas asociacións e clubs, así como actividades, actuacións e obras municipais das que goza e participa a sociedade pontevedresa”, sinala Lores na misiva, reiterando, unha vez máis, esa chamada á responsabilidade para desbloquear a nomeada situación que traerá a non aprobación dos orzamentos.

Comentarios