Crise dos pellets

Ana Miranda insta a Comisión a incluír na normativa europea a contaminación por microplásticos no transporte marítimo

A parlamentaria nacionalista denunciou o que considera "neglixencia" do Goberno galego e mais "falta de información".
Ana Miranda alertou en Bruxelas da crise que padece Galiza pola chegada constante de pellets de plástico. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Miranda alertou en Bruxelas da crise que padece Galiza pola chegada constante de pellets de plástico. (Foto: Nós Diario)

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu esta quinta feira que tanto a Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo como a de Transporte inclúan nas súas respectivas normativas a contaminación por microplásticos no transporte marítimo. Así o manifestou na Comisión de Medio Ambiente, na que se debateu o informe 'Previr as perdas de pellets de plástico para reducir a contaminación por microplásticos', nun contexto marcado pola vertedura de millóns de pellets que asolaga as praias da Galiza.

Miranda explicou que, actualmente, a normativa europea se debate en dúas comisións, na Comisión de Medio Ambiente e na de Transporte. Na de Medio Ambiente están a tratarse as perdas de microplásticos e, a xuízo da eurodeputada nacionalista, "ten que incluír o transporte mariño".

Pola súa parte, na Comisión de Transporte, -que está en negociacións nos denominados trílogos coa Comisión, o Consello e o Parlamento Europeo-, "existe a posibilidade de incluír tamén os pellets como substancia contaminante" na nova regulación de transporte marítimo.

Na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo, que hoxe debatía a proposta do deputado portugués Joao Albuquerque sobre as perdas de microplásticos, o BNG volveu denunciar esta "catástrofe ambiental" que se está producindo na Galiza.

A parlamentaria nacionalista denunciou o que considera "neglixencia" do Goberno galego e mais "falta de información", e lamentou que o Partido Popular galego, español e europeo están a negarse "a incluír o transporte marítimo na mellora da seguridade".

"Hai que contar co apoio de todos os grupos e por iso instamos a que a Comisión Europea inclúa o transporte marítimo na perda de pellets, precisamente para aprender leccións, como se aprendeu a lección tras o Prestige coa aprobación do paquete de seguridade marítima e que agora se debe aprender do que está a pasar na costa galega", concluíu Miranda.

Desde o BNG apuntan tamén que conseguiron que se inclúa no pleno da Eurocámara da vindeira quinta feira, día 18, en Estrasburgo, un debate sobre a contaminación na costa galega baixo o título 'Catástrofe ecolóxica recente pola perda de pellets de plástico e o seu impacto na contaminación por microplástico nos hábitats marítimos e costeiros'.

Comentarios