Crise dos pellets

Ana Miranda leva a crise dos pellets ao pleno do Parlamento europeo

Na sesión da vindeira semana incluirase un debate sobre a contaminación pola vertedura de pellets que asolaga as praias de toda Galiza, admitindo así unha petición do grupo Verdes-ALE e o BNG.
Ana Miranda, no pleno do Parlamento Europeo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Miranda, no pleno do Parlamento Europeo. (Foto: Nós Diario)

O pleno da Eurocámara da vindeira semana en Estrasburgo incluirá un debate sobre a contaminación na costa galega provocada pola vertedura de pellets, unha proposta da eurodeputada do BNG, Ana Miranda, a través do seu grupo parlamentario, Verdes-ALE. "Temos a satisfacción de facer en Bruxelas todas as accións que están na nosa man para defender o noso mar, para defender a nosa costa, para defender a nosa xente traballadora do ma", subliña.

"Como eurodeputada galega do BNG acabamos de conseguir que a semana que vén no pleno de Estrasburgo poida celebrarse un debate específico e urxente sobre a situación da marea dos pellets na Galiza", celebra Miranda, quen considera que o debate "vai falar da solidariedade", así como da "grave situación" que atravesan os concellos e o voluntariado.

A parlamentaria nacionalista valora como "unha gran noticia" que a Conferencia de Presidentes do Parlamento Europeo -onde se negocian as urxencias e os textos que entran nos plenos- aceptase esta cuarta feira a súa proposta urxente de que o vindeiro pleno aborde a situación da 'marea plástica' na Galiza.

Seguridade marítima

Ana Miranda defende que Europa "ten moito que dicir", xa que por un lado, a inclusión do Corredor de Fisterra como zona altamente sensíbel para a Organización Marítima Internacional (OMI) permitiría estabelecer normas máis estritas e exixir maior responsabilidade por parte dos operadores de embarcacións e do control do tráfico marítimo.

Por outro lado, lembra que actualmente se está a modificar a Directiva 2009/21/CE referida ás bandeiras de conveniencia, posta en marcha tras o accidente do Prestige. "É fundamental que se aprobe e entre en vigor a revisión do paquete de seguridade marítima da Unión Europea e a revisión do Convenio MARPOL 73/78 da OMI, incluíndo a eliminación da contaminación procedente de microplásticos a partir de contedores", insiste.

Miranda trasladou esta terza feira a cuestión á Comisicón Europea e demandou unha reunión con Virginijus Sinkevicius, comisario de Medio Ambiente. O propio Sinkevicius asegurou hoxe que a vertedura de 26 toneladas de pellets de plástico fronte ás costas galegas "ameaza o medio mariño e actividades económicas como a pesca". Tamén o solicitaron os eurodeputados socialistas Nicolás González Casares e César Luena.

Comentarios