O Partido Popular nega "o vendaval xudicial" que enfronta o plan de transporte por estrada

O BNG e o PSdeG resaltan as críticas da cidadanía aos problemas no transporte por estrada.
O deputado do PP, José Manuel Balseiro (Foto: Nós Diario).
photo_camera O deputado do PP, José Manuel Balseiro (Foto: Nós Diario).

O deputado do PP José Manuel Balseiro aseverou que "non hai unha soa sentenza que cuestione o plan de transporte da Xunta da Galiza". "E todo o que digan vostedes é falso e non o poderán acreditar", concluíu esta segunda feira en sede parlamentaria, a pesar de que incluso o Tribunal Supremo ratificou en outubro que Monbus e Alsa repartiron o mercado de modo ilegal ante a inacción do Goberno galego. A intervención de Balseiro non diferiu do posicionamento expresado polo Executivo nas últimas semanas.

A través dunha proposición no de lei, o deputado do BNG Paulo Ríos aludiu ao "vendaval xudicial" que xerou o plan de transporte posto en marcha en 2020 e que, como tamén lembrou a deputada do PSdeG Patricia Otero, recibiu críticas do Consello de Contas nun informe que cuestiona o seguimento das concesións. Ríos exemplificou o "enfado" da cidadanía co servizo de transportes coa fotografía de dúas mozas que decidiron "disfrazarse de Monbus" para unha festa de temática de terror. "Se se disfrazasen unha de Rueda e outra de Monbus, sería o completo", apostilou.

O deputado nacionalista aseverou que as críticas chegan "por todos lados" e a Xunta debe tomar nota para "deixar os datos maquillados" e atender ás manifestacións no Val Miñor, Ribeira ou Ferrol en protesta polo servizo de autobús.

Otero, pola súa parte, sinalou que a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade "ten unha papeleta" ante os "moitísimos problemas" que provocaron os "incumprimentos e as deficiencias do plan durante toda a lexislatura". "Xa non son deficiencias que atopamos os grupos políticos, os Concellos ou as plataformas constituídas. O propio Consello de Contas tamén di que este plan de transporte non funciona", aseverou a socialista.

Comentarios