18-F

Podemos denuncia o "desmantelamento" da sanidade feito polo PP, con "2.000 millóns recortados en primaria"

Isabel Faraldo, que é profesional sanitaria, chama a defender a sanidade como a "xoia" dos servizos públicos.

Isabel Faraldo, candidata de Podemos, en declaracións aos medios antes da manifestación deste domingo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Isabel Faraldo, candidata de Podemos, en declaracións aos medios antes da manifestación. (Foto: Europa Press)

A candidata de Podemos á Presidencia da Xunta da Galiza, Isabel Faraldo, denunciou este domingo o "desmantelamento" da sanidade pública galega levado a cabo por parte do Partido Popular, con "2.000 millóns" de euros recortados en atención primaria. En declaracións aos medios antes de participar na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Santiago de Compostela, Faraldo, que é profesional sanitaria, considerou necesario defender a sanidade como a "xoia" dos servizos públicos.

"Saímos a defendela ante o desmantelamento ao que ano tras ano nos condenan as políticas do Partido Popular e un dos exemplos máis claros que temos é os 2.000 millóns de euros recortados na atención primaria", dixo. Neste sentido, referiuse ao informe do Defensor do Paciente que sitúa a sanidade galega como a máis "saturada" do Estado e dixo que estes 2.000 millóns menos se traducen en cuestións como "31 consultorios fechados na Galiza" e falta de persoal, tamén nos hospitais.

Ademais, na marcha participou o deputado estatal de Podemos Javier Sánchez Serna, quen destacou que "Isabel Faraldo leva moitos anos loitando pola sanidade pública, e sabe o que hai que facer para protexela" en relación á traxectoria da candidata como empregada do Servizo Galego de Saúde e sindicalista neste mesmo sector.

Serna manifestou a necesidade de "volver investir estes 2.000 millóns de euros na sandiad" e de "prohibir esas listas de espera interminábeis que están a custar vidas". Así mesmo, sinalou a "necesidade de investir máis na saúde mental, que non pode ser un privilexio que a poida pagar".

Comentarios