Pontón presentará "un Goberno alternativo do BNG" que exhibirá unha "solución" a cada "crítica"

A formación reivindica que, co "apoio de case medio millón de galegos", asume a "responsabilidade" que lle deron nas urnas.
A líder do BNG, Ana Pontón (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera A líder do BNG, Ana Pontón (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentará esta cuarta feira en Santiago de Compostela un Goberno alternativo do BNG que terá como obxectivo "facer un rigoroso control" do Executivo do PP e que, en paralelo, "achegará propostas para resolver os problemas dos galegos e para que a Galiza afronte con éxito os grandes retos que ten por diante".

Apenas uns días despois de que o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, con maioría absoluta de 40 deputados, designase aos seus conselleiros e conselleiras, Pontón presentará, nun acto ás 11.30 horas, a "estrutura, áreas e responsabilidades do Goberno alternativo".

Así o fará despois dunha reunión co grupo parlamentario, un "grupo reforzado", de 25 deputados e deputadas, para "facer política de luces longas, lonxe da crispación que o PP está a instalar na política e onde a lexítima discrepancia é substituída pola descualificación ou o insulto ao adversario".

A líder do BNG avanzou no debate de investidura que o grupo do BNG non limitaría o seu labor ao control do Executivo de Alfonso Rueda, senón que, como primeira forza da oposición "e alternativa de Goberno, a cada crítica presentará unha solución", explicando que faría un Executivo nacionalista.

A formación reivindica que, co "apoio de case medio millón de galegos", asume a "responsabilidade" que lle deron nas urnas, e comprométese a traballar con "enerxía e ambición de país na defensa da sanidade pública, dun ensino de calidade, dunha vellez tranquila para as persoas maiores ou para facilitar oportunidades á xente nova".

"A acción" do "Goberno alternativo" do BNG tamén "traballará por unha Galiza produtiva, cunha clara aposta pola ciencia e coa idea de plantar cara á emerxencia climática", así como pola "lingua e o autogoberno, dando voz ao feminismo e o dereitos LGTBI" e "sempre cunha visión modernizadora e avanzada" desde a "convicción de que a Galiza é un gran país".

Pontón incidiu en que a formación nacionalista "traballará por e para os galegos, votasen o que votasen", para "mellorar as súas vidas e pór en marcha unha Galiza con máis oportunidades, capaz de afrontar os retos que xa están aquí".

Comentarios