Grupo Konecta

O PSOE exixe explicacións a Feixoo pola adxudicación de 19,2 millóns á empresa vinculada ao seu cuñado

As vinculacións entre o grupo Konecta e o círculo familiar de Feixoo xa foran sinaladas por 'Nós Diario' en 2020.
En primeiro plano, Alberto Núñez Feixoo; ao fondo, Pedro Sánchez e Nadia Calviño, hoxe, no Congreso (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
photo_camera En primeiro plano, Alberto Núñez Feixoo; ao fondo, Pedro Sánchez e Nadia Calviño, hoxe, no Congreso (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).

O PSOE volveu pedir explicacións ao líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, pola concesión de contratos por valor de 19,2 millóns de euros desde a Xunta da Galiza cando era o presidente do Executivo galego á empresa Universal Support, pertencente ao grupo Konecta, no que traballa o seu cuñado como director comercial, a pesar de que a súa oferta era a máis cara de todas as que presentaron.

Fontes socialistas exixen explicacións a Feixoo por segundo día consecutivo despois de que o diario Público publicase senllas informacións que apuntan a estas contratacións durante a pandemia, cando Feixoo era presidente da Xunta da Galiza.

Previamente, o Consello de Contas puxo o foco no mes de marzo sobre os contratos da Xunta da Galiza para a adquisición de material e servizos sanitarios durante a pandemia. Neste caso, nun informe que apunta ao grupo Konecta, que xa fora sinalado por Nós Diario en 2020 polas súas vinculacións co círculo familiar de Feixoo.

En concreto, desde o PSOE explicaron que do montante total recibido pola empresa, na que o cuñado de Feixoo, Ignacio Cárdenas, traballa como director comercial, 15,2 millóns de euros concedéronse mentres o líder do PP era presidente da Galiza. "A familia que licita unida permanece unida", lanzaron desde Ferraz.

Así, sinalaron que esta empresa foi a máis beneficiada polas adxudicacións do fondo de continxencia da Covid por parte da Administración galega e remarcaron que segundo os novos contratos coñecidos esta quinta feira, esta empresa gañou o concurso "coa oferta máis cara de todas as que se presentaron", apuntan.

Por tanto, a formación socialista volveu lanzar as mesmas preguntas a Feixoo para que aclare se presidía o Consello de Goberno cando o servizo de saúde galego (Sergas) informaba sobre estes contratos e queren saber tamén se coñecía os contratos á empresa na que traballa o irmán da súa parella.

"Participou o señor Feixoo dalgunha maneira, de forma directa ou por persoa interposta, na concesión destes contratos? Considera o señor Feixoo que hai un patrón que se repite noutras Administracións gobernadas polo PP no referido á contratación de empresas con vínculos familiares?", preguntaron os socialistas a continuación.

Deste modo refírense á presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, cuxo irmán colaboraba cunha empresa que recibiu unha adxudicación para un contrato de material sanitario. O asunto foi denunciado e posteriormente arquivado pola Fiscalía Anticorrupción e tamén pola Fiscalía Europea.

Tamén se referiron á parella de Díaz Ayuso, a quen a formación socialista sinala pola súa relación laboral con Quirón Saúde, ao subliñar que é unha empresa beneficiada pola privatización da sanidade na Comunidade de Madrid.

Comentarios