Contas apunta polos contratos de emerxencia da Covid de 2021 a Konecta, grupo do que era directivo un irmán da parella de Feixoo

O Consello de Contas volve pór no foco os contratos da Xunta da Galiza para a adquisición de material e servizos sanitarios durante a pandemia. Neste caso, nun informe presentando esta cuarta feira, apunta ao grupo Konecta, sinalado por 'Nós Diario' en 2020 polas súas vinculacións co círculo familiar de Feixoo.

EuropaPress_5347347_candidato_pp_presidencia_gobierno_espana_alberto_nunez_feijoo_junto_esposa
photo_camera Alberto Núñez Feixoo coa súa parella, Eva Cárdenas, cuxo irmán, Ignacio, era Director de Retail eCommerce do grupo Konecta. (Foto: Europa Press)

Catro empresas resultaron adxudicatarias de 47 contratos por unha contía de 20,6 millóns de euros en 2021, o que representa o 66,6% do diñeiro destinado pola Xunta da Galiza nesa anualidade á compra de material sanitario e á prestación de servizos para facer fronte á Covid mediante o recurso á contratación de emerxencia.A compañía máis beneficiada nesa anualidade por este tipo de adxudicacións do Goberno galego foi Universal Support, unha empresa con enderezo na Coruña, pero propiedade da multinacional Konecta, que percibiu do erario público 8,8 millóns.

A Xunta da Galiza adxudicou ao grupo Konecta os traballos de rastrexo durante a pandemia. A idoneidade da empresa, cun centro de chamadas en Bergondo, na comarca da Coruña, foi cuestionada naquela altura desde diferentes esferas, pola falta de formación sanitaria do persoal contratado para esas funcións. A compañía, de cuxo capital fai farte o fondo británico Intermediate Capital Group, accionista de DomusVi, xa desenvolvera esta mesma actividade no verán do primeiro ano da pandemia, facturando por estes traballos ao Goberno galego 2,8 millóns.

As conexións do grupo Konecta con Alberto Núñez Feixoo, daquela presidente, foron desveladas, en exclusiva, en agosto de 2020 por Nós Diario. A compañía entrou no mercado galego tras a compra de Universal Support, unha empresa con 24 anos de traxectoria creada polo Banco Pastor, facéndose anos despois con outra sociedade do mesmo sector, Sum Talk, anteriormente denominada STD Multiopción. Sum Talk tivo como apoderado a Ignacio Cárdenas Botas, quen tamén exerceu de apoderado de STD Multiopcion e naquela altura se presentaba como Director Retail eCommerce do grupo Konecta. Ignacio Cárdenas Botas é irmán de Eva Cárdenas Botas, parella de Feixoo e nai do seu fillo.

Konecta é unha das empresas sinaladas polo Informe de fiscalización sobre a aplicación dos ingresos do fondo extraordinario e da xestión económico-financeira da pandemia na comunidade autónoma da Galiza. Exercicio 2021 presentado esta cuarta feira polo Consello de Contas. No estudo recóllese que, canda esta multinacional, sen vinculación co sector sanitario, as empresas máis favorecidas polos contratos de emerxencia da Xunta da Galiza en 2021 en relación coa Covid foron a coruñesa Biorepositorio Iberia, con 6,1 millóns, a madrileña Clece, con 3,2 millóns, e a andaluza Vircell Spain, 2,4 millóns.

Florentino Pérez

A empresa de servizos Clece é outra habitual das adxudicacións do Goberno galego. A compañía, naquela altura integrada no grupo ACS, propiedade do presidente do Real Madrid, Florentino Pérez, ten unha forte introdución na Galiza, con importantes contratos de xestión de servizos no ámbito do Servizo Galego de Saude (Sergas), do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e dos centros de maiores, outorgándolle, entre outras, a Xunta da Galiza a concesión da residencia pública Concepción Areal da Coruña. Ao tempo, ACS resultou a principal adxudicataria de obra pública do Goberno galego no ano 2023, con 51,2 millóns de euros.

O relatorio do Consello de Contas detalla que en 2021 “catro empresas concentran o 66,6% do volume de adxudicación de emerxencia, instrumentada en 47 contratos de emerxencia que representan o 30,3% do número total daqueles”. Na mesma liña, indica que “outras dúas empresas –con facturacións de emerxencia de entre 1 e 2 millóns de euros cada unha delas– concentran  8,7% do total de gasto de emerxencia adxudicado e 7,7% do número total de contratos xestionados pola administración autonómica”.

Concentración

O nivel de concentración dos contratos de emerxencia nun número limitado de compañías é obxecto de preocupación para o ente fiscalizador galego. A este respecto, desvela que “un total de 7 empresas máis –con facturacións de emerxencia de entre 0,5 e 1 millóns de euros–, aglutinan 16,7% da adxudicación de emerxencia e 29% do número de contratos. Na mesma dirección, destaca que “as 24 empresas restantes –con facturacións de emerxencia inferiores ao medio millón de euros– responden ao 7,9% restante do volume de emerxencia adxudicado e ao 32,9% do número total de contratos de emerxencia”.

A sospeita paira sobre unha parte destes contratos. Neste sentido, o Consello de Contas advirte no informe da “falta de publicidade de parte das adxudicacións” e repara que se “detectaron diversas incidencias, relacionadas basicamente con deficiencias nalgunhas memorias xustificativas, falta dun mínimo de concorrencia e comprobación da aptitude e capacidade do adxudicatario, falta nalgúns expedientes dos antecedentes que soportan a adxudicación ou desfases temporais superiores a un mes entre as datas de licitación e adxudicación dos contratos de emerxencia”.

O Consello de Contas denuncia a falta de transparencia do Goberno galego en relación cos contratos de emerxencia formalizados durante 2021. Neste punto, destaca que a información facilitada nas memorias das contas galegas rendidas correspondentes ao exercicio 2021 foi "limitada, dado que non se acompaña de información detallada nin de análise específica sobre o impacto económico-financeiro da crise sociosanitaria sobre as contas”.

O Goberno galego rega os medios con contratos do fondo da Covid

O Informe de fiscalización sobre a aplicación dos ingresos do fondo extraordinario e da xestión económico-financeira da pandemia na comunidade autónoma da Galiza. Exercicio 2021 sinala que unha parte dos medios de comunicación galegos recibiron por conta do fondo extraordinario da Covid contratos por unha contía de 883.497 euros. Neste sentido, o grupo máis favorecido foi La Voz de Galicia, con seis contratos por un monto de 315.000 euros.

A continuación situouse Faro de Vigo, que recibiu máis de 103.000 euros a través de dous contratos, aos que se suman outros dous para o seu grupo, Prensa Ibérica, noutra das súas cabeceiras, La Opinión da Coruña, por 22.538 euros. A adquisición máis recente do grupo na Galiza, El Correo Gallego, obtivo outras dúas adxudicacións en 2020 e 2021, por case 30.000 euros, cando aínda estaba xestionado por Editorial Compostela.

La Región é o terceiro grupo máis beneficiado polos contratos de emerxencia da Xunta da Galiza que se traduciron en perto de 60.000 euros, seguido de ABC con 53.000 euros. Nesta listaxe aparecen tamén, con axudas entre 20.000 e 50.000, as cabeceiras do grupo La Capital —El Ideal Gallego, Diario de Ferrol ou Diario de Arousa—, así como o Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo, ambos do grupo El Progreso, a Cadena COPE e mais a SER, a través das súas emisoras locais. O Goberno galego achegou tamén fondos a xornais españois como El Mundo ou Libertad Digital, propiedade do ultraespañolista Federico Jiménez Losantos.

Comentarios