A Xunta, no albo de Contas: que une os contratos de emerxencia e a 'trama' da parella de Ayuso?

Mape Asesores, a empresa máis beneficiada polas adxudicacións 'a dedo' da Xunta de Feixoo en 2020, compraría material sanitario á catalá FCS nunha operación pola que Alberto González Amador cobraría case 2 millóns de euros en comisións.
Isabel Díaz Ayuso e Alberto Núñez Feixoo, nun acto do Partido Popular en 2022. (Foto: J. Hellín. POOL / Europa Press)
photo_camera Isabel Díaz Ayuso e Alberto Núñez Feixoo, nun acto do PP, xunto a unha táboa achegada polo Consello de Contas coas adxudicacións da Xunta pola vía de emerxencia en 2020. (Foto: J. Hellín. POOL / Europa Press)

A sombra de Isabel Díaz Ayuso e a súa parella, Alberto González Amador, investigado pola Fiscalía por defraudar presuntamente máis de 350.000 euros a Facenda a través dunha trama de facturas falsas e empresas 'pantalla', chega tamén á Galiza da man do Consello de Contas. O ente fiscalizador deu a coñecer esta cuarta feira o Informe de fiscalización sobre a aplicación dos ingresos do fondo extraordinario e da xestión económico-financeira da pandemia na Galiza, referido ao exercicio 2021, no que alerta das "diversas incidencias" detectadas nos contratos adxudicados pola Xunta da Galiza perante o procedemento de emerxencia durante os anos 2020 e 2021, en plena pandemia.

Tal e como informou Nós Diario nas últimas horas, serían un total de 110 millóns de euros, dos que 80,5 —a través de 863 contratos de emerxencia— se corresponden coa primeira das anualidades analizadas, representando un 4,43% das adxudicacións totais da Administración galega, e 30,9 referidas á segunda (1,32%). No exercicio previo á pandemia, 2019, foran unicamente sete os contratos licitados por esta vía por un importe total de pouco máis de dous millóns de euros, o que mostra un incremento de até 3.866% nun ano.

No capítulo de empresas adxudicatarias atópanse varios medios de comunicación, que recibiron por medio de diferentes contratos perto de 900.000 euros 'a dedo' —destacando especialmente o grupo de La Voz de Galicia, que percibiu máis dun terzo do total—, e empresas como Universal Support, con enderezo na Coruña mais pertencente ao Grupo Konectado que era directivo Ignacio Cárdenas Botas, irmán de Eva Cárdenas, a parella do daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.

E entre moitos outros nomes salienta tamén, en primeira posición, Mape Asesores S.A., a compañía máis beneficiada polos contratos de emerxencia da Xunta durante o ano 2020. A través de 16 adxudicacións sen concorrencia pública, obtivo un montante total que supera os 10 millóns de euros. Mape, con sede na Galiza, é, precisamente, unha das sociedades que saíron a colación a raíz da investigación da Fiscalía pola que se acusa de fraude fiscal a González Amador.

Segundo se desprende da contabilidade aportada a Facenda, e desvelada por elDiario.es, a catalá FCS Select Products pagou á actual parella sentimental da presidenta da Comunidade de Madrid case 2 millóns de euros en concepto de dúas comisións pola venda a Mape de material sanitario por un valor total de 42 millóns de euros. Durante o ano 2020, de feito, a facturación de Mape chegou case a multiplicarse por catro, alcanzando os 113 millóns de euros.

Mape obtivo case un de cada dez euros dos adxudicados perante contratos de emerxencia polo Goberno galego entre os anos 2020 e 2021 e, de feito, só é superada por Universal Support tomando en consideración os importes de ambas as anualidades —11,7 millóns, a través de 43 contratos, segundo o informe de Contas—. En total, a Xunta concentrou en só catro empresas o 66% destes fondos, o que levou o Consello de Contas, entre outros motivos, a pór o foco na "falta de concorrencia e de publicidade" na contratación de emerxencia.

Comentarios