A Xunta de Feixoo adxudicou 'a dedo' case 900.000 euros a medios de comunicación con contratos de emerxencia durante a pandemia

Contas alerta de "diversas incidencias" nas adxudicacións do Goberno galego pola vía de emerxencia nos exercicios 2020 e 2021.
Gráfica coa repartición das adxudicacións 'a dedo' do Goberno galego en 2020 e 2021 a medios de comunicación. (Foto: Arxina | Datos: Consello de Contas)
photo_camera Gráfica coa repartición das adxudicacións 'a dedo' do Goberno galego en 2020 e 2021 a medios de comunicación. (Foto: Arxina | Datos: Consello de Contas)

O Consello de Contas alerta nun informe difundido esta cuarta feira das "diversas incidencias" que detecta nos contratos adxudicados pola Xunta da Galiza perante o procedemento de emerxencia durante os anos 2020 e 2021. Máis concretamente, o ente fiscalizador alude ás "deficiencias nalgunhas memorias xustificativas", a "falta dun mínimo de concorrencia e comprobación da aptitude e capacidade do adxudicatario", falta nalgúns expedientes dos "antecedentes que soportan a adxudicación", falta de "publicidade de parte das adxudicacións" ou "desfases temporais superiores a un mes entre as datas de licitación e adxudicación" dos devanditos contratos.

Segundo recolle na súa memoria, a contratación pola vía da emerxencia pasou de representar 0,09% das adxudicacións totais da Administración galega, por un importe de pouco máis de 2 millóns de euros, até supor o 4,43% e unha contía global de 80,51 millóns de euros. Ou, o que é o mesmo, os importes adxudicados en cotnratos de emerxencia multiplicáronse por 3.866 en só un ano —un exercicio, con todo, marcado pola irrupción da pandemia da Covid-19—. Ao ano seguinte foron o 1,32% do total, uns 30,98 millóns de euros.

E dentro deses arredor de 111 millóns destacan os algo menos de 900.000 euros que se adxudicaron en 2020 pola vía de urxencia —'a dedo'— a diferentes medios de comunicación tanto da Galiza como do Estado español que destacan por unha característica común: agás a TVG, a televisión pública do país, ningún outro emprega a lingua galega como vehicular.

A corporación de medios públicos resultou adxudicataria dun total de catro contratos de emerxencia por un total de 47.825,64 euros. Foron dúas adxudicacións menos que as que obtivo o grupo de La Voz de Galicia —o xornal e mais a radio—, seis, roldando a contía final os 315.000 euros.

 

En segundo lugar sitúase Faro de Vigo, que recibiu pouco máis de 103.000 euros a través de dous contratos, aos que se suman outros dous para Prensa Ibérica perante outra das súas cabeceiras, La Opinión de A Coruña, por 22.538 euros. A adquisición máis recente do grupo na Galiza, El Correo Gallego, obtivo outras dúas adxudicacións en 2020, por case 30.000 euros, cando aínda estaba xestionado por Editorial Compostela.

Após La Voz e Faro, o ourensán La Región é o terceiro máis beneficiado polos contratos de emerxencia da Xunta: tres, que se traduciron en perto de 60.000 euros. E inmediatamente despois sitúase o diario ABC, con até sete contratos por un montante total que supera os 53.000 euros.

Nesta listaxe aparecen tamén reflectidas, con entre 20.000 e 50.000 euros adxudicados, as cabeceiras do grupo La CapitalEl Ideal Gallego, Diario de Ferrol, etc.—, Diario de Pontevedra, El Progreso de Lugo, a Cadena COPE e mais a SER —a través das súas emisoras locais—. Tampouco faltan outros destacados diarios españois como El Mundo ou Libertad Digital.

Comentarios