A Comisión Executiva Federal do PSOE decidiu propor á vicepresidenta terceira, ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e integrante da dirección socialista, Teresa Ribera, como cabeza de lista ás eleccións ao Parlamento Europeo que decorrerán o 9 de xuño.
Esta proposta incorporarase esta sexta feira no Comité de Listas, que confeccionará o ditame xunto coas propostas chegadas de todas as federacións que a militancia socialista seleccionou até o pasado 20 de abril. Finalmente votarase no Comité Federal que terá lugar este sábado 27 de abril, do que sairá a lista definitiva.
O PSOE elixe así un perfil que considera "líder" na transición enerxética en Europa e sinala que é unha das principais impulsoras da solución ibérica para reducir o prezo do gas no Estado español, así como a reforma do mercado eléctrico da Unión Europea (UE).
Integrantes da Galiza
A candidatura despexará tamén a incógnita sobre quen será a persoa que integre a candidatura socialista nalgún posto de saída, nun contexto no que na Galiza postulouse para repetir como eurodeputado o lalinense Nicolás González Casares.
Ademais, a agrupación de Vigo propuxo ao que fóra secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. Con todo, ningunha destas propostas son vinculantes e, tendo en conta que se trata dunha circunscrición estatal, a decisión sairá da dirección federal.