18-F

Resultados en tempo real, pactómetro e datos por concellos: así será a cobertura especial de 'Nós Diario' na xornada electoral

'Nós Diario' ten todo pronto para a cobertura das eleccións galegas deste domingo, 18 de febreiro, uns comicios chave que poden supor o punto e final a 15 anos de Gobernos do Partido Popular na Xunta da Galiza ao tempo que poderían situar na Presidencia unha nacionalista.

Sigue a cobertura electoral do 18-F en directo en nosdiario.gal.
photo_camera Sigue a cobertura electoral do 18-F en directo en nosdiario.gal.

Nós Diario despregará unha cobertura especial para as eleccións este domingo, 18 de febreiro. A cobertura principiará a partir das 20 horas, unha vez fechen as mesas e se coñezan os datos das enquisas a pé de urna. A cobertura de Nós Diario incluirá os resultados en tempo real e por cada municipio, entre outras informacións destacadas.

Ao longo da xornada, ademais, ofreceremos os resultados de participación, que se coñecerán ás 14.30 horas (cos datos até as 14 horas) e ás 18.30 horas (cos datos até as 18 horas), así como a actualidade política.

Resultados en tempo real

Será a partir das 20 horas cando Nós Diario realice o despregamento da cobertura especial, coa publicación dos resultados das enquisas a pé de urna e coa activación das ferramentas que permitirán consultar os resultados de todos os concellos en tempo real.

Un equipo de profesionais de Nós Diario traballará para achegar desde as canles dixitais toda a información en tempo real, tanto na web como nas redes sociais. Nestas canles poderanse consultar os datos oficiais minuto a minuto. O escrutinio será accesíbel desde calquera tipo de soporte.

Gráficas e pactómetro

Nós Diario ofrecerá gráficos que se irán actualizando en tempo real, así como a comparación a respecto dos resultados das anteriores eleccións galegos, de 2020. Ademais, cubrirá as reaccións dos partidos políticos e publicará análises sobre os resultados.

A cobertura no dixital terá a súa continuidade ao día seguinte dos comicios, segunda feira 19 de febreiro, neste soporte  ao tempo que se prepara toda a información sobre os resultados e panorama político para a edición en papel, de Nós Diario, cun tratamento especial no número que se publica o día 20.

Á cita coas urnas do 18-F chégase cun resultado aberto e a posibilidade certa de que delas saia un cambio de ciclo político. Enquisas, sondaxes e traballos demoscópicos -entre os que se inclúen os barómetros elaborados por EM Analytics para Nós Diario- certificaban un cambio de tendencia, cunha perda de apoios do PP fronte a un BNG á alza. O domingo saberase se esta tendencia calla en realidade.

Comentarios