Rueda reprende a conselleira de Medio Rural polas declaracións do "ADN" incendiario: "Foron desafortunadas e comenteillo"

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, recoñeceu que as declaracións da nova conselleira do Medio Rural, María José Gómez, nas que relacionaba a intencionalidade dos incendios forestais co "ADN galego" non foron "afortunadas".
Alfonso Rueda e María José Gómez en Guntín (Foto: Nós Diario).
photo_camera Alfonso Rueda e María José Gómez en Guntín (Foto: Nós Diario).

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, recoñeceu que as declaracións da nova conselleira do Medio Rural, María José Gómez, nas que relacionaba a intencionalidade dos incendios forestais co "ADN galego" non foron "afortunadas". "E así llo comentei a ela", dixo Rueda.

Así o admitiu o líder do Executivo galego na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que, por primeira vez desde o Goberno galego de Gerardo Fernández Albor, non tivo lugar unha quinta feira, senón unha segunda feira.

"Non foron unhas declaracións afortunadas, dígoo así. E tamén llo comentei a ela", afirmou Rueda que, con todo, incidiu na "enorme intencionalidade" detrás de moitos dos incendios forestais que se rexistran na Galiza.

Ademais, "agora que se achega a tempada estival", advertiu a todos os "posíbeis incendiarios" de que "todo o peso da lei caerá sobre eles".

"Vai no ADN da Galiza"

A pasada quinta feira, a preguntas da prensa antes de participar en Compostela nun encontro de coordinación sobre a loita contra a velutina, María José Gómez sinalaba que os incendios da semana pasada son "probablemente intencionados". "Vai no ADN da Galiza", afirmou. "Están a vir uns días de seca, con nordeste, vento forte, e xa sabedes o que pasa, non?", remarcaba.

Comentarios