Santiago estuda unha 'taxa' para turistas que non pernocten

Sería un gravame distinto e paralelo á proposta de taxa turística.
#turismo #turista #turistas #hotel #hoteis #peregrinos (Foto: Arxina)
photo_camera Peregrinos en Santiago. (Foto: Arxina)

O Goberno de Compostela está a estudar posibilidade de implantar un gravame municipal para os excursionistas que recalen na capital galega sen chegar a pasar a noite. Segundo informou esta segunda feira a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, sería un gravame distinto e paralelo á proposta de taxa turística –pensada para as visitas que queden a durmir– que remitiu á Xunta da Galiza.

Dar o paso para implantar esta taxa municipal non dependería do Executivo autonómico e, para a súa aplicación, a rexedora indicou que se podería ter en conta os turistas que acceden á cidade en autobús, por exemplo a través da dársena de Xoán XXIII.

"A taxa turística está vinculada única e exclusivamente a durmidas; pero hai outro tipo de gravames impositivos que se poderían pór a persoas que son excursionistas dun día", sinalou, antes de aclarar que esta suxestión require buscar unha fórmula adecuada que está en fase de estudo.

Taxa turística

Sobre a proposta de taxa turística remitida ao Goberno galego, a rexedora nacionalista remarcou que para o Goberno local ten "máxima urxencia" unha resposta. Hai "un clamor social" e un sentir "maioritario" da veciñanza para que se aplique e deixar de "soportar" en exclusiva "todas as cargas do turismo".

Comentarios