Xustiza

O Constitucional suspende dous artigos da ordenación do litoral da Xunta

Admite o recurso do Goberno estatal.
A sede do Constitucional, fotografada esta mesma quinta feira. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera A sede do Constitucional. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O Tribunal Constitucional admitiu a trámite no seu Pleno desta terza feira o recurso do Goberno estatal contra os artigos 10 e 11 e a disposición transitoria primeira da Lei galega de acompañamento aos orzamentos para 2023 e suspendeu estes preceptos relativos á normativa de litoral. O Consello de Ministras e Ministros aprobou o 25 de setembro presentar recurso de inconstitucionalidade contra estes artigos ao non alcanzarse acordo na Comisión Bilateral coa Xunta da Galiza, que agora admite a trámite o TC. 

En concreto, os artigos 10 e 11 e a disposición transitoria primeira da Lei de acompañamento limitan a 15 anos o prazo de obrigación de restitución de obras ilegais en zona de dominio público marítimo-terrestre e abre a porta á súa regularización após ese período, o que choca coa lexislación estatal. Os maxistrados tamén acordaron, a petición do Executivo español, suspender a aplicación dos preceptos recorridos, desde a data de interposición do recurso (setembro de 2023).

O pasado 24 de xullo a Cámara galega aprobaba cos votos en solitario do PP a Lei do litoral da Galiza. Tanto o BNG como o PSdeG incidían nun "interese electoralista" do Goberno galego de confrontar co Executivo estatal mediante esta norma. Ademais, desde colectivos do ambientalismo e defensa do territorio, como a Plataforma en Defensa da Ría de Pontevedra, lamentábase que a norma "potencia a instalación de muíños eólicos no mar e considera estratéxica a instalación de estabelecementos turísticos".

Comentarios