18-F

Terceiro "gran acordo de país" de Besteiro: igualar o salario medio galego co español

O PSdeG promete a implantación da xornada laboral de 35 horas para todo o persoal da Administración galega
José Ramón Gómez Besteiro, esta terza feira, nas instalacións de Trameve. (Foto: Nós Diario)
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro, esta terza feira, nas instalacións de Trameve. (Foto: Nós Diario)

Até tres "grandes acordos de país" lanzou o PSdeG nesta campaña electoral cara ao 18 de febreiro. O primeiro, con empresariado e sindicatos para mobilizar 10.000 millóns de euros e xerar 100.000 postos de traballo. O segundo, con persoal médico e sanitario para rescatar a sanidade pública e acurtar as esperas.

E, esta terza feira, o terceiro, tamén con empresarias e organizacións sindicais para lograr que os salarios medios na Galiza aumenten e se sitúen, "como mínimo, na media salarial española"

O candidato do PSdeG a presidir a Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, prometeu onte como prioridade avanzar no obxectivo da suba salarial media "porque é sinónimo de mellor economía, máis oportunidades e máis ambición de país".

Fronte esta aposta, Besteiro explicou que “temos un Partido Popular que prefire a precariedade dos traballadores e traballadoras e que mantén a Galiza no furgón de cola tamén en materia salarial”.

Emprego público

Outro dos compromisos adquiridos polo candidato do PSdeG no marco deste terceiro acordo de país "pasa por impulsar desde a Xunta medidas efectivas para a mellora da estabilidade laboral para as traballadoras no emprego público galego".

Entre elas, Besteiro comprometeuse a facer efectiva a implantación da xornada laboral de 35 horas para todo o persoal da Administración galega, o cal “contribuirá a mellorar o servizo que recibe a cidadanía ao mellorar as condicións de traballo dos funcionariado, ademais de axudar a modernizar e rexuvenecer os cadros de persoal e fomentar o emprego”.

Comentarios