Xustiza

O xuíz sinala o ex ministro José Luis Ábalos como "intermediario" no 'caso Koldo'

Ábalos reuniuse co seu ex asesor nunha mariscaría de Madrid o pasado 10 de xaneiro, cando xa terían coñecemento do caso.
O ex ministro e deputado José Luis Ábalos, esta pasada terza feira, na sala de prensa do Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O ex ministro e deputado José Luis Ábalos, esta pasada terza feira, na sala de prensa do Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O xuíz da Audiencia Nacional que investiga as presuntas comisións irregulares na adxudicación de contratos de máscaras durante a pandemia sinala directamente o ex ministro de Transportes e actualmente deputado no Grupo Mixto do Congreso, José Luis Ábalos, como "intermediario" do 'caso Koldo', trama así coñecida polo nome do antigo asesor de Ábalos no Ministerio, Koldo García.

"A observación das comunicacións e a actividade operativa realizada pola unidade actuante permitiron concluír que estes intermediarios serían José Luis Ábalos e Jacobo Pombo", apunta o xuíz Ismael Moreno nun auto do pasado 7 de febreiro, ao que tivo acceso a axencia Europa Press, no que autorizaba unha serie de intervencións telefónicas aos investigados.

De momento, nin Ábalos nin Pombo figuran como investigados no procedemento que continúa na Audiencia Nacional contra sete persoas, unha delas o propio Koldo, por presuntos delitos de organización criminal, branqueo de capitais, suborno e tráfico de influencias.

Ao sinalar directamente a Ábalos, o instrutor pon o foco nun encontro que tivo lugar o pasado 10 de xaneiro nun restaurante de Madrid, a mariscaría 'La Chalana'. "Koldo reúnese entre outras persoas con José Luis Ábalos nunha zona reservada da mariscaría entre as 21.15 e as 22.20 horas aproximadamente, como queda reflectido no oficio policial", precisa.

Para o titular do Xulgado Central de Instrución Número 2, esta reunión "ten un especial interese para os feitos investigados", tendo en conta a conversa telefónica mantida o día anterior entre o empresario Juan Carlos Cueto, presunto 'cerebro' da trama, e Koldo. Daquela, segundo apunta hoxe o xornal El Mundo, ambos os dous terían coñecemento do caso desde dous meses antes.

Segundo a investigación, na citada chamada "Cueto pedíalle que antes de que se fose de viaxe a Perú o día 11 de xaneiro dixese algo a un terceiro". "De feito, Koldo informaba a Cueto de que unha das cousas para tratar cunha das persoas coas que se reuniría ao día seguinte —cando coincide con Ábalos— era esa, enténdese que se refería ás xestións realizadas coa Administración balear para solucionar a reclamación de 2,6 millóns de euros realizada a Soluciones de Gestión [sociedade investigada na trama]", engade o xuíz.

Comentarios