Xustiza

O xuíz cita como investigado o presunto cerebro da trama de venda de máscaras: que se sabe do 'caso Koldo'?

O empresario Juan Carlos Cueto, un dos principais investigados na causa, embolsou 9,6 millóns de euros polos contratos adxudicados, segundo a Fiscalía Anticorrupción. Esta cuarta feira declarará na Audiencia Nacional.
O ex asesor de José Luis Ábalos no Ministerio de Fomento, Koldo García, á súa saída da Audiencia Nacional o pasado 22 de febreiro. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera O ex asesor de José Luis Ábalos no Ministerio de Fomento, Koldo García, á súa saída da Audiencia Nacional o pasado 22 de febreiro. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

O xuíz da Audiencia Nacional que investiga o 'caso Koldo', centrado na presunta cobranza de comisións ilegais pola venda de material sanitario durante a pandemia, citou esta cuarta feira como investigado o empresario Juan Carlos Cueto, o presunto 'cerebro' detrás da empresa á que se adxudicaron os contratos. Fontes xurídicas citadas pola axencia Europa Press confirmaron que o titular do Xulgado Central de Instrución Número 2, Ismael Moreno, chamou a declarar a partir das 9.30 horas a Cueto, que estaría detrás da sociedade Soluciones de Gestión. Segundo a Fiscalía Anticorrupción, Cueto embolsou 9,6 millóns de euros polos contratos adxudicados.

O Ministerio Público sitúao como a "persoa que realmente controla a sociedade Soluciones de Gestión, integrada no Grupo Cueto", aínda que esta figurase como propiedade doutro dos investigados, o empresario vasco Íñigo Rotaeche. Neste sentido, Anticorrupción detalla na súa querela "o liderado que Cueto" exerce sobre o grupo que leva o seu apelido, "sendo o responsábel último das decisións concernentes a este grupo empresarial". Os principais investigados, engaden, daban novidades e pedían permiso a Cueto "para a execución de préstamos e toma de decisións".

Anticorrupción asegura que Soluciones de Gestión "sería empregada como unha empresa instrumental nun proxecto común" entre o presidente do Zamora Club de Fútbol, Víctor de Aldama, e mais o propio Cueto, "quen a pesar de non figuraren documentalmente serían os responsábeis" dos contratos sobre os que indaga o xuíz. A Fiscalía deixa claro que existiu "unha relación directa e estreita" entre o antigo asesor e escolta do ex ministro José Luis Ábalos, Koldo García, e o propio Cueto, "que non se circunscribe unicamente á adxudicación dos contratos".

O Ministerio Público asegura que Koldo era a persoa á que usaban para "axilizar" trámites co Ministerio de Transportes na contratación durante a pandemia para a venda de máscaras, en concreto facilitando os procesos de adxudicación de material sanitario á empresa Soluciones de Gestión. Na citada querela da Fiscalía constan conversas extraídas das picadas telefónicas que os investigadores levaron a cabo. "Isto era un favor que lle estaba pedindo o teu veciño [Koldo]... el e o seu ex xefe... e parece ser que o outro dixo que si... porque lle deron outro favor a cambio", chegoulle a dicir Cueto a Rotaeche, que era unha persoa da súa "confianza". A Fiscalía non aclara a que ex xefe de Koldo estaría a referirse nin se sería o propio Ábalos.

Entrega de "chourizos"

A pesar de que pouco antes da súa detención a relación entre Koldo e Aldama continuaba latente a través de terceiros, o Ministerio Público asegura que si mantiñan relación "durante a adxudicación dos contratos investigados". Ese mesmo mes de setembro, Koldo dirixiuse a Cueto para falar de Aldama: "A min resolveume os problemas que tiña para poder executar e traer o que eu necesitaba de fóra".

Para Anticorrupción, pódese deducir que "Koldo podería estar a facer alusión á intermediación de Aldama na adquisición de máscaras no marco das adxudicacións investigadas". "E o máis significativo é que o fai falando en primeira persoa", apunta a Fiscalía, sinalando que en moitas charlas os investigados aluden ao presidente do Zamora C.F. como "comisionista" fronte á Administración Pública.

Neste senso, a Fiscalía deixa claro que Cueto e Aldama seguían tendo un mes antes do estalido da operación "asuntos en común, algúns deles relevantes" no marco da causa. En concreto, o pasado 26 de xaneiro Aldama "entregaría a Cueto algún obxecto" ao que o propio Aldama se referira como "chourizos". Para Anticorrupción resulta rechamante que uns poucos días despois Cueto contase a Koldo que estivera con Aldama, "o cal lle entregaría algo do que falarían en persoa". Ademais, Cueto informouno, en relación a Aldama, de que "as augas poden volver ao seu leito". Segundo a Fiscalía, iso implicaría que os tres investigados "seguen mantendo asuntos en común dos que tratar".

O auto tamén recolle a conversa que Cueto mantivo cunha traballadora de Aldama en relación a unha citación que este último tiña para comparecer ante a Axencia Tributaria. Na mesma charla, Cueto advirte de que as persoas que fosen declarar a este tipo de citacións deberían facelo con asistencia letrada. "Como vaia alguén alí e empece a largar e rajar ten un problema", espetou Cueto. "Este medo", segundo a Fiscalía, "podería estar ligado a que Aldama fose considerado un comisionista a ollos da Axencia Tributaria".

A este respecto, Rotaeche explicou a Cueto que o inspector da Axencia Tributaria quería citar os socios e administradores de Soluciones de Gestión para que comparecesen ante el. "No transcurso da chamada, fan alusión ás supostas intencións do actuario con esta inspección, referindo que o actuario non admitiría como gasto a Soluciones de Gestión o pagamento a Aldama porque pagarían unha comisión encuberta a Aldama polos seus contactos no Ministerio", explica Anticorrupción.

Imputado no 'caso Defex'

Cabe destacar que Cueto conta con outros asuntos abertos na Audiencia Nacional. En 2019 o xuíz José de la Mata acordou envialo a xuízo polo presunto desvío e apropiación de fondos nos contratos de subministración de material policial para Angola. O maxistrado acordou sentalo no banco dos acusados xunto a outras 23 persoas, dúas sociedades e a empresa pública Defex, pondo o foco en contratos asinados en 2008 entre a Unión Temporal de Empresas (UTE) Cueto-Defex e o comando xeral de Policía Nacional de Angola de subministración de equipamentos e material policial.

Comentarios