Xustiza

O ex asesor de Ábalos négase a declarar ante o xuíz polas presuntas 'mordidas' en contratos que superan os 50 millóns

Koldo García e outras 13 persoas foron detidas esta terza feira pola presunta comisión dos delitos de organización criminal, tráfico de influencias e suborno derivados da compra de material durante a pandemia da Covid-19.
Koldo García e José Luis Ábalos, chegando ao Congreso en xaneiro de 2020. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Koldo García e José Luis Ábalos, chegando ao Congreso en xaneiro de 2020. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

Koldo García, o antigo asesor do ex ministro José Luis Ábalos, acolleuse ao seu dereito a non declarar esta quinta feira ante o xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno, no marco da investigación sobre as presuntas mordidas na compra de máscaras durante a pandemia. Fontes xurídicas citadas pola axencia Europa Press confirmaron que tanto o ex asesor como outros tres detidos pasaron hoxe a disposición do titular do Xulgado Central de Instrución Número 2, pero todos eles acolléronse ao seu dereito a non declarar. Entre eles estaban o irmán de Koldo, Joseba; o presidente do Zamora Club de Fútbol, Víctor de Aldama, e un empresario vasco.

Os axentes puxeron ao dispor do maxistrado catro dos 14 detidos polas supostas mordidas en contratos durante a pandemia de Covid-19 cuxo material foi destinado aos ministerios de Transportes e Interior, así como a comunidades autónomas como Balears e Canarias. Esta cuarta feira axentes da Garda Civil tomaron declaración como testemuña ao secretario de Estado de Seguridade e 'número dous' de Fernando Grande-Marlaska no Ministerio do Interior, Rafael Pérez, en relación coa investigación sobre as presuntas mordidas.

A toma de declaración tamén afectou a súa 'man dereita', José Antonio Rodríguez, o director do Gabinete de Coordinación e Estudos, polo contrato de 3,4 millóns de euros adxudicado á empresa clave na presunta fraude na compra de máscaras. Desde o Ministerio do Interior reaccionaron á información evitando pronunciarse "sobre un procedemento xudicial aberto na Audiencia Nacional que ten carácter de secreto".

A investigación, dirixida pola Audiencia Nacional e na que participan a Fiscalía Anticorrupción e a Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil, executou desde esta terza feira a detención de 14 persoas, dentro dunhas dilixencias de investigación polos delitos de organización criminal, tráfico de influencias e suborno que afectan un total de 20 persoas.

Estas detencións practicadas pola Unidade Central Operativa da Garda Civil (UCO) en distintos puntos do Estado español viñeron acompañadas por arredor de 26 rexistros domiciliarios. As fontes consultadas indican que se estenderon até as 4 horas da madrugada da cuarta feira e que, nalgún deses rexistros, os axentes atoparon caixas fortes baleiras.

O montante supera os 50 millóns

A investigación xudicial pola que foi detido Koldo García Izaguirre, que foi asesor do ex ministro socialista Ábalos, investiga presuntas mordidas en contratos durante a pandemia de Covid-19 cuxo material foi destinado aos ministerios de Transportes e Interior, así como a Balears e Canarias. Fontes coñecedoras do caso sinalan que o montante dos contratos destas administrativas públicas supera os 50 millóns de euros, segundo as primeiras estimacións.

No caso do Ministerio do Interior foi Rafael Pérez quen asinou a adxudicación de material de protección para o persoal de Interior á sociedade Soluciones de Gestión y Apoyo a la Empresa por un valor de 3.479.355 euros. Estes contratos foran requiridos previamente polos investigadores e tramitáronse polo procedemento negociado sen publicidade e con carácter de emerxencia.

Neste contexto, a Garda Civil tamén reclamou ao Ministerio de Transportes documentación no marco da investigación polas presuntas mordidas. En todo caso, as fontes consultadas por Europa Press aseveran que a operación segue aberta e que por tanto non é descartábel que nas próximas horas teñan lugar máis detencións no marco desta causa que permanece secreta.

Comentarios