Ábalos manterá a disciplina de voto do PSOE malia estar molesto polas "formas": "Non son un militante máis"

"Non quero ser un problema de maioría no Congreso para o Goberno; eu seguirei as orientacións de voto do grupo socialista", afirma o agora deputado do Grupo Mixto, que apoiará a Lei de amnistía.
José Luis Ábalos, esta terza feira, en rolda de prensa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera José Luis Ábalos, esta terza feira, en rolda de prensa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O ex ministro José Luis Ábalos asegurou esta cuarta feira que votará a favor da Lei de amnistía cando se someta a votación no Congreso e manterá a disciplina de voto do PSOE, formación da que vén de ser expulsado, como deputado non adscrito e integrado no Grupo Mixto a partir de agora. Díxoo esta mañá nos micrófonos de RAC1 e Catalunya Ràdio, en senllas entrevistas nas que tamén discrepou cos socialistas por exixirlle que renunciase á súa acta de deputado en 24 horas tras o estalido do 'caso Koldo', alegando o seu papel no partido: "Tampouco son un militante máis".

O seu paso ao Grupo Mixto, que compartirá coas representantes de Podemos, BNG, UPN e Coalición Canaria, foi unha cuestión de "dignidade" e "compromiso político", asegurou, e non o converterá nun novo inimigo para Pedro Sánchez. "Non quero ser un problema de maioría no Congreso para o Goberno; eu seguirei as orientacións de voto do grupo socialista", afirmou o que tamén fora secretario de Organización socialista.

A respecto do ultimato do PSOE, insistiu en que esa "non é a forma de enfrontar a estratexia da dereita" no tocante ao 'caso Koldo', xa que os tribunais non o acusaron polo de agora "de nada" e non forma parte "de ningunha investigación". Ao ser preguntado por se falou co presidente Sánchez nas últimas horas, dixo que mantiñan unha comunicación "efectiva" pero non falan "desde que empezou esta crise".

"Ningún problema" na contratación

Sobre a suposta trama na compra de máscaras e material sanitario durante a pandemia da Covid-19, Ábalos lembrou que o Tribunal de Contas fiscalizou dúas veces todas as axudas de emerxencia por mor da pandemia. "Non hai ningún problema. O problema, en todo caso, é o que está a investigar a Audiencia Nacional", dixo, en referencia á contratación.

"O que hai é que, presuntamente, un home de confianza do meu gabinete [Koldo García] puido ter parte das comisións dos intermediarios. Ou sexa, non a costa tampouco do diñeiro público", reivindicou.

Ao preguntárselle polo seu ex asesor supostamente corrupto, Ábalos explicou que "os compañeiros de Nafarroa foron os que o recomendaron" no seu momento, entre eles o actual secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán. Neste sentido, engadiu que a súa relación coa Secretaría de Organización socialista "sempre foi boa" e asegurou que a decepción polo suposto caso de corrupción "é compartida", textualmente.

Comentarios