A Xunta da Galiza defende as concesións que fixo a Monbus e que foron anuladas pola Xustiza

As responsabilidades pola polémica adxudicación das liñas do transporte regular e escolar por estrada seguen a dilucidarse na esfera lexislativa e xudicial. Mentres a conselleira de Mobilidade, Ethel Vázquez, respondía esta cuarta feira no Parlamento sobre as concesións, transcendía dos xulgados a admisión a tramite da persoación da CIG como acusación particular na causa aberta na xurisdición do penal contra as Consellarías de Educación e Mobilidade.
A empresa Monbus controla 80% das concesións de transporte (Foto: Monbus).
photo_camera A empresa Monbus controla 80% das concesións de transporte (Foto: Monbus).

Os conselleiros de Educación e de Infraestruturas e Mobilidade, Román Rodríguez e Ethel Vázquez, defenderon esta cuarta feira na Cámara galega a transparencia das adxudicacións das liñas de transporte regular e escolar concedidas polo Goberno galega ás diversas Unións Temporais de Empresas (UTE) promovidas polo grupo Monbus, que en cinco casos teñen sido consideradas ilegais e anuladas polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

Román Rodríguez sinalou que é “razoábel” que nun servizo coa “dimensión” do transporte escolar haxa incidencias, pero rexeitou "lanzar unha sombra de dúbidas" sobre as concesións outorgadas polo seu departamento. 

Así respondeu á deputada socialista Noelia Otero, quen denunciou incidencias nas liñas de transporte escolar polas “malas condicións” dos vehículos e viaxes “sen coidadores” e alertou do “desleixo” nun entorno de “monopolio e amiguismo empresarial mentres os contratos son incumpridos con impunidade por parte das empresas”.

Vázquez defendeu o proceso de adxudicación das liñas de transporte regular como "escrupuloso" e "transparente” e criticou as sentenzas do TSXG. Neste sentido, asegurou que "é mentira que a sentenza do TSXG cuestione o procedemento" e "menos aínda que atribúa á Xunta unha responsabilidade". Neste punto, argumentou que “o auto xudicial non fai referencia ao proceso de contratación, senón ás prácticas de dúas empresa” e rematou afirmando que “o que cuestiona a sentenza é unha resolución da Comisión Galega de Competencia en relación cun expediente sancionador". 

Un plan da Xunta que prexudica as pemes

As palabras da conselleira Infraestruturas e Mobilidade chegaron tras sinalar o deputado do BNG Paulo Ríos que o  plan de transporte da Xunta da Galiza "prexudica as pequenas e medianas empresas e favorece o monopolio e reparto en grupos como transMombus”.

Nesta perspectiva, lembrou que “desde o BNG xa advertimos de que a súa xestión era irregular e agora as sentenzas confirman todos os nosos temores. Vostedes non cobraron os canons a estas concesionarias e taparon as irregularidades para seguir beneficiando os amigos do Partido Popular a través do grupo Monbus”.

O mesmo día en que o Parlamento da Galiza debateu sobre as adxudicacións de transporte coñeceuse que os xulgados do Penal de Santiago de Compostela admitiron a persoación da Confederación Intersindical Galega (CIG) como acusación particular en dúas causas abertas por este tema contra a Xunta da Galiza. A este respecto, o responsábel do sector do transporte da CIG, Xesús Pastoriza, sinalou a Nós Diario que “entendemos que hai unha conivencia entre a Administración galega e Monbus e iso ten que ser depurado pola Xustiza”.

Comentarios