A Xunta incrementa a Risga e as pensións non contributivas por debaixo do IPC

4.000 persoas, coa valoración feita, agardan por praza nunha residencia
A secretaria xeral de Política Social, María Francisca Gómez, no centro, canda o equipo da Consellaría, camiño da comparecencia (Xunta da Galiza).
photo_camera A secretaria xeral de Política Social, María Francisca Gómez, no centro, canda o equipo da Consellaría, camiño da comparecencia (Xunta da Galiza).

A Xunta aumentará en 2023 a Renda de inclusión social da Galiza (Risga) en 8% e o tramo autonómico das pensións non contributivas en 5%. Ambos os dous incrementos, por baixo da suba da inflación —de 9,2% na Galiza entre setembro de 2021 e setembro de 2022, segundo o Instituto Nacional de Estatística—. Unha situación que a oposición reprochou onte no Parlamento á secretaria xeral de Política Social, María Francisca Gómez, que acudiu á Cámara a dar conta dos orzamentos para 2023 deste departamento, toda vez que a conselleira está de baixa por maternidade.

"Após 12 anos conxeladas, agora van subir 5% as pensións non contributivas, as máis baixas, que reciben 38.000 galegos e galegas. Ou sexa, 1,20 euros ao mes de suba", criticou Olalla Rodil (BNG). A deputada nacionalista tamén quixo "baixar á terra" a suba anunciada para a Risga de 8%: "Son 35 euros ao mes cando só o aceite aumentou en 21% e cando a maioría das persoas receptoras recibe menos de 500 euros".

Marina Ortega (PSdeG) lembrou, pola súa parte, que "unha cousa é orzar e outra executar" e afirmou que nas contas da Consellaría para 2022 ficaron sen executar en 19% partidas como a de Protección Social. "Estes orzamentos", dixo, "non se adaptan á realidade actual, non contemplan medidas extraordinarias e necesarias".

"Blindar os servizos sociais"

A secretaria xeral de Política Social defendeu que os presupostos para 2023 "permitirán blindar os servizos sociais da Galiza", incidindo en que os 1.077 millóns de euros, 16% máis que en 2022, "son a partida máis alta" recibida nunca por este departamento.

María Francisca Gómez destacou os incrementos en partidas como a de familia, infancia e dinamización demográfica; así como as destinadas a maiores, discapacidade ou inclusión social. En campos como o das residencias, a representante da Consellaría de Política Social destacou que en 2023 poranse en marcha dúas residencias, en Lugo e Compostela, das sete que se comprometeu a financiar e construír Amancio Ortega

Olalla Rodil lembrou na súa quenda que na actualidade hai 4.000 persoas, "xa coa valoración feita", e que están agardando por unha praza para unha residencia ou centro de día. "A esa xente estánselle a negar dereitos recoñecidos", criticou. Pola súa parte, Marina Ortega incidiu en que a Galiza é dos territorios con maior peso de prazas de residencias privadas.

Case 5.000 camas en centros públicos por perto de 17.000 en privados. En total case 22.000, sinalando a secretaria xeral onte que 14.000 desas prazas sostéñense con fondos públicos.

Tarxeta Básica

A supresión da Tarxeta Básica, que beneficiaba 35.000 familias en situación de vulnerabilidade,  foi outro dos debates na comparecencia de onte. Tanto o BNG como o PSdeG reprocharon á Consellaría de Política Social a súa eliminación. "Era unha medida determinante, por que a quitaron?", preguntou Ortega. "Xente e colectivos moi diversos coincidían en que era unha medida boa", indicou Rodil.

Medio Rural, unhas contas que "non dan solución"

O conselleiro do Medio Rural, José González, informou onte no Parlamento dos orzamentos do seu departamento para 2023, destacando o incremento de 5%. Xosé Luis Rivas (BNG) criticou as contas por considerar que "persisten nas políticas fracasadas para o rural: modelo forestal nocivo, non se recupera terra con potencial agrícola e gandeiro, e abandono de pequenas e medianas explotacións".

Pola súa parte, o deputado Martín Seco (PSdeG), lamentou a falta dun orzamento "con discriminación positiva ao rural" e sinalou que as contas presentadas "perpetúan a deficiencia de servizos na Galiza interior". Os orzamentos de Medio Rural inclúen "conxelación" de partidas en aspectos chaves das contas como 
o de  "Dinamización económica do medio rural".

Comentarios