28-M

Yolanda Díaz pide mobilizar o "voto progresista" arredor de Compostela Aberta

A ministra apoia na capital galega a candidata de CA, María Rozas, a quen presenta como unha muller "profesional, feminista, ecoloxista" e con experiencia de goberno.
Yolanda Díaz e María Rozas, xunto ás 'Marías' de Santiago. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera Yolanda Díaz e María Rozas, xunto ás 'Marías' de Santiago. (Foto: César Arxina / Europa Press)

A vicepresidenta segunda do Goberno e impulsora da plataforma política Sumar, Yolanda Díaz, irrompeu por vez primeira na campaña electoral na Galiza cunha parada na capital galega para pedir explicitamente o voto para Compostela Aberta e a súa cabeza de lista, María Rozas. "É a nosa candidata", proclamou, en declaracións aos medios nas que lembrou que ela deu un "paso adiante" nesta campaña pola "importancia" que teñen as eleccións neste país e para "apoiar" candidatas como Rozas.

Yolanda Díaz, nada en Ferrol mais "criada" en Santiago, afirmou esta quinta feira que voltou á súa cidade, identificouse coa proposta de Compostela Aberta, a candidatura das 'mareas' que aglutina todo o espazo considerado 'rupturista'. CA, que liderou en 2015 Martiño Noriega alcanzando a Alcaldía, é a única lista de confluencia que acolle todas as sensibilidades que noutrora formaron parte das 'mareas', o que inclúe as organizacións políticas que tamén formaron parte do seu impulso —Esquerda Unida, da que provén María Rozas, Anova e Podemos, así como outras persoas desta mesma órbita pero que son independentes ou só militan en Compostela Aberta—.

En plena xornada festiva pola celebración da Ascensión, Díaz fixo un pequeno percorrido cheo de selfies e arengas para Sumar, no que non faltaron os saúdos aos líderes doutras formacións políticas, desde o socialista Valentín González Formoso até o portavoz do PP, Borja Sémper. Todos acabaron na mesma carpa onde os partidos celebran o seu tradicional xantar de confraternización e no que tamén tivo ocasión de saudar a líder do BNG, Ana Pontón.

En declaracións aos medios, María Rozas lembrou que Díaz estudou no instituto Rosalía de Castro, xunto á Alameda compostelá e que tamén tiveron ocasión de ver durante o percorrido. "Estamos moi agradecidas de que veña aquí apoiar a candidatura de Compostela Aberta, unha candidatura de esperanza, de unidade e que ten que ter ese voto útil das persoas que queren que cambie o rumbo da nosa cidade e que se fagan políticas transformadoras e progresistas", salientou a cabeza de cartel.

A ministra subliñou, pola súa parte, que deu "un paso adiante" pola "importancia que teñen as eleccións neste país e, sobre todo, para apoiar todas as persoas" como María Rozas. "A nosa candidata, que mostra unha forma de facer política en maiúsculas, e estou aquí, na miña cidade, para dicirlle á xente de Compostela que se mobilice, que tome esta campaña moi en serio", salientou. A tamén ministra de Traballo lembrou que nas eleccións municipais "decídense cousas moi importantes", porque os problemas das persoas "entran" polas portas dos concellos, ámbito no que tamén Díaz exerceu a política nun goberno de coalición co PSOE en Ferrol.

Desta maneira, Yolanda Díaz pediu a "mobilización do voto progresista, da xente progresista", do colectivos LGTBI, dos traballadores, dos sindicatos e das mulleres. Así pois, pediu o voto para María Rozas, a quen presentou como unha muller "profesional, feminista, ecoloxista" e que ten a experiencia de gobernar no propio Concello de Santiago entre 2015 e 2019 como tenenta de alcalde e responsábel de Facenda. "É o tempo das mulleres", remarcou.

Rozas, na súa quenda, reivindicou que Compostela Aberta é o "exemplo para seguir" por constituír "un espazo de esperanza, unitario, de fraternidade e que pode facer políticas progresistas e transformadoras". "É a única forza que garante un cambio de rumbo", manifestou Rozas, que no paseo tamén estivo acompañada por boa parte da candidatura, incluída Marta Lois, amiga persoal de Yolanda Díaz e implicada no proxecto Sumar.

A candidata de CA fixo un balance "positivo" e destacou o "moi bo retorno" que están a ter na campaña. "Somos unha forza con incremento de voto, estamos a medrar, imos aproveitar cada segundo para que as nosas propostas cheguen a todos os veciños e sexa a forza que apoien de forma masiva", concluíu.

Díaz xantou canda o resto da candidatura na carpa do polbo da Carballeira de Santa Susana, a poucos metros da líder do BNG e do líder do PSdeG, que estaban xunto aos seus respectivos candidatos á Alcaldía, Goretti Sanmartín e Xosé Sánchez Bugallo, a quen tamén saudou durante o paseo anterior. Tamén estaba presente o portavoz do PP, Borja Sémper, e o candidato 'popular' na capital, Borja Verea, que, igual ca ela, fíxose unha fotografía na polbeira co cefalópodo.

Apoio a Por Coruña

Neste xantar estiveron todas as forzas políticas representadas en Compostela Aberta, incluído o coordinador galego de Podemos na Galiza, Borja San Ramón, quen tamén acudirá esta quinta feira (18 horas), canda Díaz, ao acto convocado na Coruña, onde, a diferenza de Santiago, o espazo de confluencia vai separado entre a lista Por Coruña —Podemos e Esquerda Unida— que encabeza José Manuel Sande e coa que se fotografará Yolanda Díaz, e por outra parte a da Marea Atlántica.

Comentarios