Amnistía Internacional alerta, no seu informe anual, de "carencias" da Xunta da Galiza en políticas de vivenda, sanidade e violencia de xénero.
Igualmente, avisa dun uso "excesivo" da forza policial na Galiza. Como exemplo, expón que a Policía Nacional empregou o pasado verán balas de goma para disolver unha manifestación na folga do metal na cidade de Vigo e resultou ferido un manifestante.
En materia sanitaria, Amnistía Internacional advirte de que o novo Executivo debe facer fronte ao "deficiente" financiamento da atención primaria, pois "non chega nin de lonxe ao 25% do investimento total en sanidade".
De feito, apunta que o gasto sanitario caeu un 2% entre 2019 e 2021 na Galiza, con especial retroceso do 6% en atención primaria en plena pandemia. Tamén observa que o tempo de espera para consultas de atención primaria é superior aos dous días recomendados nun 74% dos casos.
Vivenda e violencia de xénero
En vivenda, censura que os datos están lonxe do 15% de vivenda social dispoñíbel de media na Unión Europea, cunha escasa cifra do 3,8%. Ao que se suma que hai case 300.000 vivendas baleiras na Galiza. E todo mentres o prezo do alugueiro se dispara un 26% na última década.
Paralelamente, exixe que se abran centros de crises 24 horas contra a violencia sexual e de xénero antes de final de ano, tal e como estabelece o mandato do Consello de Europa.