Colectivos e veciñanza das rías de Arousa e Noia recibiron entre apupos o director de proxecto de Cobre San Rafael, Fernando Díaz Riopa, na festa da ameixa de Carril.
Tal e como estaba previsto, o directivo da empresa impulsora da mina de Touro acudiu á cita en Vilagarcía, este domingo, para recoller a 'Ameixa de Ouro' que a organización da festa, a Agrupación de Parquistas e a Confradía de Pescadores, decidiu outorgarlle á mineira.
A reacción da veciñanza e das entidades da contorna contrarias á mina non se fixo esperar e foi sonora durante a entrega do galardón.
Protesta veciñal na festa da Ameixa de Carril, en Vilagarcía, rexeitando o acto de burla a mariscadoras e pescadores pola concesión do galardón da Ameixa de Ouro ao director do proxecto de Cobre San Rafael que impulsa a reapertura da mina de Touro.#AMinaContamina pic.twitter.com/4RGOSn1qgZ
— Federación Ecoloxistas en Acción Galiza (@ecoloxistas) August 20, 2023
A protesta veciñal, ademias de ruidosa, tamén exhibiu botellas de auga amarronada, mostra das augas contaminadas, defenden entidades ecoloxistas, que atravesan a mina, caen no Pucheiros e desemboca no río Brandelos, afluente do Ulla.
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou tamén dos actos da XXVIII festa da ameixa de Carril, durante os que foi nomeada Dona da Orde da Ameixa.
Ausencia
Pola súa banda, tal e como anunciara, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, non acudiu ao evento. A decisión de non asistir avanzouna após o chamamento do voceiro de Esquerda Unida no Concello, Juan Manuel Fajardo, a non "branquear" a mineira e a non participar na entrega da 'Ameixa de Ouro'.
Ao respecto, o rexedor asegurou que nin ten relación con Cobre San Rafael nin comparte a distinción da festa ao seu responsábel de proxecto, ademais de rexeitar a reapertura da mina.
O BNG, coa veciñanza
Este domingo, a veciñanza manifestouse en contra da actividade mineira, dos proxectos de Cobre San Rafael e do recoñecemento que a festa da amaeixa de Carril lle brindou a un dos seus responsábeis e fíxoo co apoio do BNG de Vilagarcía, que estivo acompañando, ademais, varias confrarías e plataformas en defensa da ría contra a concesión dunha 'Ameixa de Ouro' que representa "a destrucción da nosa ría e do motor económico da nosa vila", afirmou a formación. "A nosa firmeza contra a mina e pola defensa da xente do mar".