Centos de docentes e familias manifestáronse este domingo en Santiago de Compostela, "fartos" do que cualifican como "abusos continuados" sobre o ensino público por parte da Xunta da Galiza.
Baixo o lema 'Nin recortes, nin despedimentos. Por un ensino de calidade', a mobilización, convocada pola CUT-Ensino, percorreu as principais rúas da capital galega, desde a Alameda até a praza de Praterías.
Criticaron que neste inicio de curso, posCovid, as aulas estean "ateigadas" con até 35 alumnos e cun número de profesorado "menor, recortado en máis de 900 prazas estruturais anuais" e coa "imposición" de impartir materias alleas á súa especialización docente.
Tal e como se recolle no manifesto, lido en Praterías, os efectos dos recortes provocaron o despedimento do persoal interino de longa duración "cando se está punto de convocar o proceso para a súa estabilización".
Un proceso que, como lembraron, foi denunciado perante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) polo sindicato "por non contar con suficientes prazas ofertadas".
O manifesto inclúe tamén propostas de solución, que pasan pola ampliación do número de docentes mediante a "correcta aplicación de procesos de estabilización", a reversión dos recortes e a supresión das materias non relacionadas coa docencia de cada profesor.
Anunciaron, ademais, que non deterán as mobilizacións "até ver un ensino público digno e ao servizo do pobo, cunha oferta de estabilización que ampare todo o profesorado despedido".