"A evidencia científica é inequívoca: o cambio climático é unha ameaza para o benestar humano e a saúde do planeta. Calquera atraso adicional na acción global concertada e anticipada impedirá asegurar un futuro habitábel", conclúe IPCC tras dar a coñecer o informe do grupo de traballo de impactos, adaptación e vulnerabilidade que dá nome a un texto de máis de 3.000 páxinas.
Perto de 300 persoas expertas de todo o mundo recolleron e analizaron 34.000 artigos para revelar toda a evidencia científica acumulada. Este documento, o segundo que se publica antes da memoria definitiva prevista para finais de 2022, a falta aínda dun terceiro, "descobre o que está pasando", resume en conversa con Nós Diario Manoel Santos, voceiro de Greenpeace na Galiza. "Fai unha exposición bastante crúa do dano que está a causar en persoas e ecosistemas".
Antes e peor do estimado
Os riscos e as pegadas do quecemento global, apunta o IPCC, serán máis graves antes do esperado. Cun quentamento medio de 1,1ºC desde a época preindustrial, o impacto na saúde do planeta e das persoas xa é indiscutíbel. O panel internacional fai memoria dos danos e avanza distintos escenarios en función das cotas de quecemento que se cheguen a alcanzar.
"Limitar o aumento a 1,5ºC, como estabelece o Acordo de París, vai supor unha redución de perdas e danos, pero xa non se poden eliminar, só paliar", precisa Santos. Calquera suba a partir desa marca disparará as consecuencias: multiplicará as dificultades de acceso a auga doce, o risco de enfermidades, a inseguridade alimentaria e a desaparición de especies.
"Este informe incide moito en que o cambio climático afecta a todos, mais non a todos por igual", sinala Santos. Uns 3.300 millóns de persoas viven en contextos moi vulnerábeis ao cambio climático, advirte. "Nestas zonas, a mortalidade por asolagamentos, secas, grandes tormentas e outros fenómenos na última década foi 15 veces superior á rexistrada noutros territorios" menos fráxiles.
Protexer e restaurar
Con todo, destaca o voceiro de Greenpeace, a conclusión máis importante "é que non estamos preparados. Nin para o que xa ocorre nin para o que virá, polo que estamos ante unha década crucial para que o futuro sexa habitábel, sostíbel e equitativo".
Fronte ao quecemento climático, o informe urxe protexer e restaurar o medio natural. "Cando menos, precisamos unha protección de 30%-50% das zonas terrestres, auga doce e océanos. Esa vai ser a mellor defensa contra o cambio climático".
A nivel global, mais tamén desde a Galiza, as accións ineludíbeis para mitigar o quecemento e as súas consecuencias pasan por unha redución drástica das emisións, pola protección dos ecosistemas e pola transformación radical, integral e inclusiva da sociedade.
Máis Rede Natura
"A Lei do clima da Galiza, en fase de consulta pública, compromete a reducir 55% as emisións para 2030", detalla Santos, unha porcentaxe que duplica o obxectivo inicial fixado pola Estratexia Galega de Cambio Climático. "Hai que ver como o vai facer porque só desde 1990 reduciu 24%, grazas sobre todo á parada das térmicas". O máis doado xa se fixo, insiste, o desafío, di, está no abandono progresivo da forte dependencia dos combustíbeis fósiles, na transformación do transporte e da agroindustria.
Mais tamén pasa por incrementar o territorio protexido. "A Galiza ten só 12% de Rede Natura. Até 30% hai un mundo non valen as contas que fan desde a Consellaría, que fala dun 40% porque inclúe as reservas da biosfera, cando non son espazos protexidos reais". E pon o exemplo das Mariñas Coruñesas e Mandeo onde se sitúa a térmica de Sabón, Inditex e a á oeste da refinería da Coruña. No horizonte sinala outro debate ineludíbel, o das enerxías renovábeis.