Despois de catro anos nun caixón, a Xunta decidiu desempoar a Lei de Inclusión Social de Galiza. Tres anos de arbitrariedade para as persoas beneficiarias e solicitantes, apuntan desde os colectivos sociais, que durante os últimos anos insistiron no compromiso marcado pola propia norma. Aprobada a finais de 2013, estabelecía un prazo máximo de seis meses para desenvolver os seus aspectos principais. Mais non foi até o pasado decembro cando, a poucos días de acabar o ano, o departamento de Política Social reiniciou o proxecto, cuxa aprobación está prevista para o segundo semestre deste 2018.
Que supuxo este atraso e por que se considera importante o decreto? Entre outras cuestións, a falta de criterios definidos para resolver numerosos casos non recollidos na norma, foi a Consellaría quen determinou discrecionalmente o resultado das solicitudes. Máis de 11.000 galegas e galegos son beneficiarias na actualidade dunha Renda de Integración Social de Galiza (Risga), regulada por esta lei, e que está destinada a persoas na pobreza severa ou na exclusión.
“Provocou indefensión, opacidade e descontrol. Impediu que se desenvolvesen algúns dos apartados, en teoría, máis beneficiosos para a xente. Durante os últimos anos a xestión da Risga seguiu instrucións que descoñecíamos, na escuridade, e con tendencia a interpretacións restritivas da norma”, apunta Diego Lores, portavoz da Oficina de Dereitos Sociais (ODS) de Coia, en Vigo, o concello con maior número de persoas beneficiarias, case unha de cada catro en todo o país.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 280 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]