Unha eclipse lunar con fases penumbra e parcial terá lugar este sábado, se as condicións meteorolóxicas así o permiten, entre as 20 horas deste sábado e as 00.23h da madrugada do domingo. Poderá verse desde Galiza tanto a primeira ollada como a través de prismáticos ou telescopios.
O director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, explica que a fase parcial, que é a única que se poderá percibir, producirase entre as 21.33h e as 22.50h, sendo o seu máximo ás 22.11h, cando 12% do diámetro solar estará oculto pola sombra da Terra.
O planeta Terra, ao ser iluminado polo Sol, proxecta tras de si dous conos, un deles formado polas tanxentes interiores aos discos do Sol e da Terra, que é o cono de penumbra, e o outro xerado polas tanxentes exteriores aos devanditos discos, que se coñece como cono de sombra.
Mentres que o primeiro abre detrás da Terra, ao de sombra sucédelle o contrario. Por iso, o cono de sombra ten unha sección menor que o de penumbra. A observación do fenómeno estará condicionada polas condicións meteorolóxicas de cada zona, e de poder contemplarse "non é necesaria" protección ocular.
A gran diferenza entre as eclipses de Sol e as de Lúa, precisa Docobo, é que "as primeiras só se poden ver nunha franxa da Terra inferior a 200 quilómetros aproximadamente, en tanto que nas de Lúa abonda con que o noso satélite estea por riba do horizonte". "Isto explica por que para un mesmo lugar se ven moitas máis eclipses de Lúa que de Sol", engade o astrónomo.
A última eclipse de Sol total que tivo lugar na Península produciuse en 1912 e a súa liña de centralidade pasara por Verín e mais polo Barco de Valdeorras. O 3 de outubro de 2005 houbera unha eclipse anelar de Sol que se puido observar perfectamente dadas as boas condicións meteorolóxicas.
O profesor Docobo explica que "porén nos vindeiros anos haberá a posibilidade de observar varias eclipses solares dende distintos puntos do Estado español; concretamente a eclipse total de Sol do 12 de agosto de 2026 se poderá seguir dende o norte e leste da Galiza". Ademais, a próxima eclipse total de Lúa acontecerá o 14 de marzo de 2025.