En varias praias do municipio da Illa de Arousa apareceron na mañá desta terza feira numerosas 'galletas' de chapapote mesturadas no medio das algas, tal e como se ve nun vídeo da Plataforma en defensa da Ría de Arousa.
Segundo apuntaron fontes municipais, até o momento descoñécese a orixe da vertedura, se ben indicaron que provén da ría e que operarios municipais traballan na limpeza de zonas afectadas.
Os areais nos que xa se avistaron estas substancias son os de Ribeira do Chazo, perto da Casa Consistorial, e Testos. O 112 apuntou que pouco antes das 12 horas recibiron a chamada do propio Concello.
Desde a PDRA apuntan que a aparición destas galletas son "unha boa demostración prática de que non funcionan os mecanismos de detección de vertidos no mar. Moita propaganda pero os feitos falan por sí mesmos".
‼️Aparecen 'galletas' de chapapote, de orixe descoñecida polo momento, en varias praias da illa de Arousa pic.twitter.com/woEnAvcJow
— Nós Diario (@NosDiario) December 13, 2022
Así, explicaron que se mobilizou o Salvamar Sargadelos e o helicóptero Pesca I, co obxectivo de tratar de pescudar a posíbel orixe destas manchas.