O Goberno español avanzou esta terza feira que nas "próximas semanas" arrincarán os traballos para desmontar e reconstruír os taboleiros do viaduto da A-6 no Castro (entre Pedrafita e Veiga de Valcarce, no Bierzo) colapsado no mes de xuño.
Así figura nunha resposta emitida polo Ministerio de Transportes ao deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.
Nela, o Executivo estatal apunta que a reconstrución dos taboleiros colapsados comezarán "nas próximas semanas" co obxectivo de poder restituír "no menor prazo de tempo posíbel" o tráfico polo viaduto que serve de calzada en sentido Madrid.
Na súa resposta, o Goberno do Esatdo lembra as principais conclusións do informe encargado polo Ministerio de Transportes para determinar as causas do derrubamento e asegura que na construción do viaduto (concluído hai uns 20 anos) empregáronse "as tecnoloxías e materiais existentes na época".
As causas do derrubamento
As conclusións destes estudos sinalan que a causa foi a deterioración do formigón debido á climatoloxía da zona, que se viu acelerada por problemas na selaxe das laxas de continuidade entre vans e na degradación do sistema de impermeabilización.
Os problemas detectados nunha inspección realizada un ano antes da caída determinaron o fechamento do viaduto para levar a cabo tarefas de rehabilitación que estaban na súa última fase no momento do colapso.
Aliás, parte dos traballos realizados sobre a infraestrutura, coa demolición de parte do formigón a través do uso de auga a presión, foi outra das causas que provocaron a caída primeiro dun van e, días máis tarde, o contiguo.