Consello da Xunta

A Xunta declara "proxecto industrial estratéxico" a mina de Cobre San Rafael no Pino e Touro

A cualificación de PIE implica diversas vantaxes e beneficios na súa tramitación.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, esta segunda feira nos corredores de San Caetano. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, esta segunda feira nos corredores de San Caetano. (Foto: Arxina)

O Consello da Xunta da Galiza deu visto e prace esta segunda feira á declaración da mina de Cobre San Rafael no Pino e Touro (ambos os dous concellos na comarca de Arzúa) como "proxecto industrial estratéxico" (PIE).

Así o explicou o presidente galego, Alfonso Rueda, na comparecencia posterior á reunión semanal do seu Goberno, na que lembrou que esta declaración permitirá "reducir á metade" os prazos para esta instalación.

O proxecto, sinalou, supón un investimento de case 200 millóns de euros e creará case 400 postos de traballo. Situarase nos terreos para os que a compañía "conta con autorización desde o ano 58" co obxectivo de extraer, principalmente, cobre. Tamén terá que restaurar medioambientalmente os terreos afectados pola antiga actividade mineira.

A consideración de PIE implica, segundo a Lei 3/2022 de 18 de outubro de áreas empresariais de Galiza, un carácter prioritario na súa tramitación, a concesión de subvencións sen concorrencia competitiva ou a súa declaración de utilidade pública e interese social a efectos expropiatorios, entre tras cuestións

Un cento de colectivos veciñais, ecoloxistas, do mar e sindicais mostraban a pasada semana o seu rexeitamento ao "novo intento" de Atalaia Mining de "forzar a aprobación de apertura" da mina de Touro (comarca de Arzúa) ante os seus "impactos ambientais inasumíbeis", ademais de censurar que "a Xunta da Galiza ocultara", por "fins electorais", que se tramita "como proxecto industrial estratéxico".

Nun comunicado, advirten de que "o novo proxecto de explotación e estudo de impacto ambiental, presentados o 23 de xaneiro deste ano, semanas an-tes das eleccións, é unha copia barata do tombado en 2020 cunha declaración de impacto ambiental negativa polos seus previsibles impactos sobre o sistema fluvial do río Ulla".

"Lonxe de emendar o proxecto anterior, Atalaia Mining e a súa filial Cobre San Rafael volven pór riba da mesa unha enorme balsa de 23 millóns de metros cúbicos de residuos tóxicos con 1,6 km de lonxitude e unha altura similar á da Catedral de Santiago”, afirman.  O depósito de residuos, aseguran, está a menos de 500 metros do núcleo de poboación Arinteiro cuxa poboación “sería aniquilada en caso dun accidente”, aseguran.

Comentarios