Abel Caballero veta sete traballadores de Vitrasa que pediron solución ao conflito da concesionaria

O presidente do comité da empresa Vitrasa e seis empregados máis non poderán asistir aos plenos durante dous meses

Protesta dos traballadores de Vitrasa no pleno de Vigo.
photo_camera Protesta dos traballadores de Vitrasa no pleno de Vigo.

O Goberno de Vigo, liderado por Abel Caballero, vetou durante dous meses a asistencia aos plenos municipais ao presidente do comité de Vitrasa, Imanol Arnoso, así como a outros seis empregados da concesionaria do transporte urbano da cidade de Vigo.

Nunha resolución de Alcaldía, facendo uso das competencias atribuídas no regulamento Orgánico do Pleno do Concello de Vigo, o Goberno local limitou a asistencia ao pleno por un prazo de dous meses a estes sete empregados identificados nos partes da Policía Local.

Todo iso tras as protestas protagonizadas por persoal da concesionaria nos plenos do 28 de decembro e o 29 de xaneiro, onde foron identificadas estas sete persoas e motivaron a suspensión do pleno durante uns minutos mentres eran expulsadas da sala por orde da Presidencia.

Entre as súas reclamas, nas actas recóllense frases como: "Levamos catro anos co salario conxelado", "34 días con reivindicacións que non valeron para nada", "Font mentireiro" ou "Somos traballadores pobres".

"Vitrasa solución" e outras consideracións sobre o salario e as condicións laborais que viven na empresa foron outras das frases que gritaron no medio do pleno, obrigando a que se suspendese temporalmente.

Estas reivindicacións realízanse no medio dun conflito que leva activo máis de tres anos, despois de que o anterior convenio colectivo caducarea a finais de 2020. Tras meses de protestas, en novembro de 2023 comezou unha folga indefinida en Vitrasa que continúa activa. Mentres tanto, os traballadores teñen o salario conxelado desde 2020.

Comentarios